22 de marzo de 2015

No noso revisteiro de marzo

Como sabedes, na biblioteca podedes atopar a prensa do día e ademais cada mes procuramos ter unha selección de revistas, que irán rotando segundo as vosas preferencias.

Aquí tedes a selección do mes de marzo



14 de marzo de 2015

Celebramos o Día de Rosalía

Como sabedes, cada 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, recordando o seu nacemento. No noso centro, por motivos pouco poéticos (exames, traballo...) decidimos celebralo noutro data onde podésemos gozar sen preocupacións dos seus versos. O luns 9 de marzo foi o día escollido para escoitar ao son das gaitas (interpretadas polo grupo folk do centro) os seus poemas. Os alumnos de Bacharelato encargáronse de recitar os versos; os profesores, da música; a Xefa da Secretaría interpretou coa súa voz de soprano, acompañada ao piano por Sandra (unha alumna de 2º de Bacharelato) a fermosa "Lela", escrita por Castelao para a súa obra  "Os vellos non deben de namorarse". Toda unha festa onde nos reivindicamos como galegos.

Unhas imaxes do día




















5 de marzo de 2015

Exposición: "Matemáticas e Cine"

Poucas veces asociamos o cine e as matemáticas.

Esta exposición permítenos comprender como as matemáticas están na nosa vida cotiá, e como o cine leva esta realidade as grandes pantallas.

Grazas á profesora do departamento de matemáticas do IES Leliadoura de Ribeira, María Jesús Cobas Paz, por cedernos unha exposición tan atractiva!!

Seguro que os nosos alumnos descubren outro xeito de mirar as matemáticas....








Hoxe celebramos o día da Muller traballadora

Tal como tiñamos previsto, hoxe tivemos ocasión de escoitar a Rosa de la Campa, profesora da ETS de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, falando da inserción laboral da muller en ámbitos moi masculinizados, particularmente no sector do mar.

En colaboración co departamento de FOL citamos ao alumnado de Marítimo-Pesqueira, pero tamén a unha representación do de Enerxía e Auga, Instalación e Mantemento, Electricidade, Animación Deportiva e Riscos Laborais. Procuramos que acudiran os grupos onde atopamos rapazas rodeadas de moitos compañeiros varóns (unha situación cotiá no noso centro, onde a presencia feminina é residual).

Tivemos ocasión de reflexionar sobre as estatísticas que reflexan que pese a ser maioritaria a presencia de alumnas nas aulas de Dereito o de Económicas, o dato non se corresponde ca porcentaxe de mulleres que ocupan funcións directivas nas empresas do IBEX35 ou nas Salas dos Tribunais Supremo ou Constitucional. Inclusive en sectores feminizados como ensinanza ou sanitario, non se atopan porcentaxes significativos de mulleres ocupando postos directivos no ensino ou no sector hospitalario.

Para dulcificar un pouco a dureza dos datos, quixemos rematar o acto recuperando a tradición rusa de agasallar con chocolate neste día, para recordar o papel que as mulleres xogaron en momentos dramáticos da historia recente, cando se viron obrigadas a asumir o rol de levantar a economía ante a falta de homes por mor das guerras.

As mulleres relevantes que estes días visitan a biblioteca tamén estiveron con nós na Sala de Reunións, e recordaron ca súa presencia o papel que a muller debe xogar en todos os ámbitos.

Aquí tedes unhas imaxes