Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións

29 de outubro de 2025

Os nomes íntimos, de Lucía Aldao e Samuel Merino

 Seguimos celebrando a semana das Bibliotecas, hoxe da man de Lucía Aldao e Samuel Merino co seu recital poético musical "Os nomes íntimos". 

 









O alumnado do Ciclo de Desenvolvemento de Proxectos de Instalacións Térmicas e de Fluídos e do Ciclo de Prevención de Riscos Laborais tiveron a oportunidade de participar dun espectáculo poético cuidado, fresco e honesto. A cultura e a verdade por bandeira poética.

Grazas por construír na biblioteca durante unha hora un lugar seguro, de confianza, un lugar onde recoñecernos (no que fomos e no que somos) e aprender a compartilo. Non hai mellor definición do que debe ser hoxe unha biblioteca. 

25 de outubro de 2025

Semana das Bibliotecas: Os nomes íntimos, de Lucía Aldao e Samuel Merino.


 Como un día parécenos pouco, teremos toda unha semana de celebración. O evento estrela da semana será gozar do recital poético-musical de Lucía Aldao e Samuel Merino. A proposta mestura a palabra, a poesía, a música e a interacción co público por medio de propostas lúdicas.

Tecido coa infinita capacidade da poesía en lingua galega para aguzar o sentido crítico e ofrecer unha ollada artística e poliédrica sobre asuntos como a igualdade, a diversidade sexual, a construción da identidade ou a saúde (mental, pero non só) este recital musicado xorde da necesidade de celebrármonos na nosa individualidade, pero tamén da de sabernos parte dun todo (colectivo, comunidade, sociedade, panda de amigas) no que atopar referencias e referentes desde e coas que ir conformando esa persoa que somos ou estamos a piques de ser e coa que conviviremos o resto das nosas vidas. Esa persoa que leva tantos nomes aos que atendemos cando nos chaman.

25 de abril de 2022

Celebrando o Día do Libro con Popesía.

 O alumnado de 1º curso do Ciclo Superior de Acondicionamento Físico participou na actividade Popesía, un concerto didáctico que mestura poesía galega e música pop actual. Pareceunos unha actividade moi apropiada para este grupo que ten varios módulos relacionados coa música e a comunicación.








28 de xaneiro de 2020

Soul e literatura. A descuberta da música negra






Día máxico na biblioteca coa visita de Black que permitiu ao noso alumnado gozar con grandes clásicos do soul e da música negra. Pero existe realmente unha música negra?





Os intérpretes fixeron un paseo entre varias obras literarias nas que a música ten protagonismo e trouxeron á biblioteca esas cancións recién nomeadas. Un recorrido marabilloso por grandes clásicos (Aretha Franklin, Billie Holliday, Ray Charles ou Amy Winehouse).

Unha pequena mostra do que disfrutamos esta mañá:














26 de abril de 2019

Aldaolado sembran versos e sonrisos na biblioteca

Hoxe na biblioteca celebramos por todo o alto o Día do Libro, e fixémolo ao grande coa visita de Lucía Aldao e María Lado.

Xa que este ano a temática proposta para as bibliotecas escolares é Poéticas Diversas pensamos en darlle unha volta ao concepto de poesía, en romper prexuízos e promover un recital poético non ao uso, no que impera a risa, a improvisación e a complicidade.

Alumnado de 1º de BAC e do Ciclo Superior de Mantemento de Instalacións Térmicas e Fluídos, xunto con moitos representantes do profesorado, gozamos da oportunidade de compartir os versos e o humor de Aldaolado.




Primeiro, tocaron as presentacións...


 Uns versos para comezar...


Sempre hai tempo para reivindicar o idioma e practicar sobre o uso do pronome átono, coa axuda das cancións de Rocío Jurado.




Pero tamén tivemos que facer de poetas improvisados


O resultado encantounos, quedounos un poema magnífico, único e inesquecible.



21 de decembro de 2016

O hall do instituto é unha festa!!

Tras un trimestre de moito traballo, o noso hall foi escenario de moitas celebracións:

Completamos a nosa árbore solidaria



Celebramos un concerto de rock co grupo de versións "Juego Sucio", con Joaquín, o camerero da cafetería, sacando o mellor da súa guitarra. Fixádevos que de fondo estiveron tamén presentes as novidades da biblioteca. Qué mellor difusión!!









Qué ben o pasamos!! E agora a gozar do tempo de familia e descanso. Bo Nadal!!

12 de maio de 2016

Sabías que no instituto temos unha colección de vinilos?

Estes días estivemos a rescatar algúns tesoiros da antiga biblioteca.

Xa estamos a piques de rematar a recatalogación de moitos vinilos que permaneceron agochados durante anos na antiga biblioteca.

Temos un pouco de todo







8 de maio de 2016

O noso revisteiro en maio

Xa podes explorar a cociña cósmica con Jordi Cruz, descubrir o poder do humor, rir coas últimas viñetas de "El Jueves", ou desfrutar de "Rock de Lux".

Pásate polo noso revisteiro


20 de febreiro de 2016

Lucía Aldao e María Lado encheron de versos, música e humor a biblioteca

Para celebrar este "Febreiro de amor e versos", o pasado xoves, día 18, tivemos o pracer de contar coa presenza de Lucia Aldao e María Lado na Laboral.

Houbo tempo para reivindicar o uso do pronome átono, de cociñar uns versos de vinganza amorosa,  de gozar todos xuntos facendo poesía improvisada ou cantando un fermoso fado.

Quen dixo que a poesía non está de moda?

Podedes ver o ben que o pasamos nestas imaxes e vídeos





































13 de febreiro de 2016

Febreiro de amor e poesía

Aproveitando estes días fríos, pásate pola biblioteca para escoller unha lectura ou unha película para vivir unha intensa relación... Atoparás historias apaixonadas, tráxicas, clásicas ou contemporáneas. O amor enche o mundo e o noso mostrador.


Ata temos en liña a Lope de Vega!!

Que expresa mellor o sentir amoroso que a poesía? A música, puidera ser... Pois tema resolto: o xoves 18, Lucía Aldao e María Lado traerán os seus versos e a súa música. E, por suposto, non faltará o humor.