Amosando publicacións coa etiqueta Difusión cultural. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Difusión cultural. Amosar todas as publicacións

25 de maio de 2026

Visita guiada a exposición Lalique, na Fundación Barrié

 Unha vez máis organizamos unha visita guiada a exposición do maestro da arte da xoería René Lalique.

Quedamos abrumados pola exquisita mostra, que reúne importantes obras procedentes do propio Museo Lalique (Wingen-sur-Moder, Francia), do Museu Calouste Gulbenkian (Lisboa) e de coleccións privadas. A exposición presenta preto de 300 pezas, principalmente xoias e obras en vidro, xunto con debuxos e outros obxectos como espellos ou téxtiles.

Como cada exposición viaxamos cara a outros tempos e outros lugares.






 Agradecidas, como sempre, a Fundación Barrié e ao seu persoal experto que fai de cada visita un momento moi especial.

24 de maio de 2026

Premiados no noso concurso do Día das Artes Galegas

 Xa recibiron os seus agasallos os participantes premiados no concurso-homenaxe a José Suárez, que organizamos polo Día das Artes Galegas.

O primeiro premio foi para Paula López Mella, pola fidelidade a imaxe e o exquisito gusto na reproducción de todos os detalles.


 Aquí a tedes coa súa cámara instantánea Polaroid e un exemplar do libro editado pola Academia Galega das Artes en homenaxe a José Suárez.


 O segundo premio foi para a versión feita polo alumnado de 1º do Ciclo de Enerxías Renovables. O xurado valorou o traballo grupal e a reproducción da escena con bastante fidelidade. Todos os modelos máis o fotógrafo recibiron cada un deles dous vales para consumir na cafetería do centro.

 


 
 

Noraboa e grazas a todos os participantes!

25 de marzo de 2026

Día das Artes Galegas: Unha proposta participativa

Con motivo da celebración do Día das Artes Galegas, que este ano rende homenaxe a José Suárez, queremos propoñervos unha pequena iniciativa desde a biblioteca do centro. 

 José Suárez foi un destacado fotógrafo galego do século XX, recoñecido pola súa capacidade para captar a esencia da vida cotiá, especialmente en contornas mariñeiras, cunha mirada moi humana e artística. Para conmemorar esta data, fixemos unha selección das súas fotografías máis icónicas, moitas delas inspiradas no mundo do mar. 




A proposta que vos lanzamos é tratar de recrear estas imaxes, podendo adaptalas ou actualizalas ao contexto actual. Moitas fotos son grupais, polo que cremos que pode ser unha actividade interesante para traballar colectivamente a expresión artística, a observación e a conexión co patrimonio cultural galego desde unha perspectiva práctica e participativa. As fotos máis logradas recibirán un agasallo relacionado coas Artes e o Patrimonio Galego a escoller polos gañadores.

25 de febreiro de 2026

Ensinando a pensar críticamente no século XXI

 Este ano volvemos convidar a Manuel F. Herrador, profesor da UDC e divulgador, para que nos axudase a distinguir as fontes de información fiables dos bulos e intoxicacións informativas.




Falamos dos sesgos, experimentamos ao vivo como so vemos o que queren que vexamos cun xogo audivisual moi interesante.

Unha charla imprescindible e necesaria.

3 de decembro de 2025

Visita guiada á Fundación Barrié para coñecer a exposición sobre Álvarez de Sotomayor

 Un grupo de profesores do centro tivemos a oportunidade de coñecer en detalle a exposición organizada pola Fundación Barrié sobre a obra pictórica de Fernando Álvarez de Sotomayor.

 







 Un privilexio contar cunha institución tan preto que organice actividades dese nivel cultural, cunha organización impecable, sempre aberta a cidadanía.

29 de outubro de 2025

Os nomes íntimos, de Lucía Aldao e Samuel Merino

 Seguimos celebrando a semana das Bibliotecas, hoxe da man de Lucía Aldao e Samuel Merino co seu recital poético musical "Os nomes íntimos". 

 









O alumnado do Ciclo de Desenvolvemento de Proxectos de Instalacións Térmicas e de Fluídos e do Ciclo de Prevención de Riscos Laborais tiveron a oportunidade de participar dun espectáculo poético cuidado, fresco e honesto. A cultura e a verdade por bandeira poética.

Grazas por construír na biblioteca durante unha hora un lugar seguro, de confianza, un lugar onde recoñecernos (no que fomos e no que somos) e aprender a compartilo. Non hai mellor definición do que debe ser hoxe unha biblioteca. 

25 de outubro de 2025

Semana das Bibliotecas: Os nomes íntimos, de Lucía Aldao e Samuel Merino.


 Como un día parécenos pouco, teremos toda unha semana de celebración. O evento estrela da semana será gozar do recital poético-musical de Lucía Aldao e Samuel Merino. A proposta mestura a palabra, a poesía, a música e a interacción co público por medio de propostas lúdicas.

Tecido coa infinita capacidade da poesía en lingua galega para aguzar o sentido crítico e ofrecer unha ollada artística e poliédrica sobre asuntos como a igualdade, a diversidade sexual, a construción da identidade ou a saúde (mental, pero non só) este recital musicado xorde da necesidade de celebrármonos na nosa individualidade, pero tamén da de sabernos parte dun todo (colectivo, comunidade, sociedade, panda de amigas) no que atopar referencias e referentes desde e coas que ir conformando esa persoa que somos ou estamos a piques de ser e coa que conviviremos o resto das nosas vidas. Esa persoa que leva tantos nomes aos que atendemos cando nos chaman.

5 de maio de 2025

Visita cultural á exposición O ouro dos Akan do noso Club de Lectura

 Organizamos unha saída a Fundación Barrié para visita a exposición O OURO DOS AKAN. Tesouros reais do África occidental.

  A cultura africana occidental dos akan, orixinaria da República de Ghana e Costa do Marfil, ten unha longa e refinada tradición no traballo da xoiería e os obxectos de culto. Os máis de 300 obxectos da exposición pertencen na súa maioría aos séculos XIX e XX, aínda que existen pezas puntuais que son moito máis antigas. A selección comprende todos os tipos de obxecto relevantes do ouro dos akan, desde impoñentes símbolos de status e xoias con filigrana a elegantes tallas, todos eles relacionados coas diferentes casas reais akan. A totalidade das pezas procede da extensa colección Liaunig en Kärnten, Austria, a cal é, xunto coas coleccións do Museo Británico de Londres, o Museo de Belas Artes de Houston e o Museo do Ouro de África de Ciudad do Cabo, unha das coleccións máis notables do planeta nesta materia. A súa presentación constitúe unha primicia non só en España, senón tamén fose do mundo germánico; a única vez que se puido ver fóra da súa sede foi no Museo Knauf de Baviera.
Tanto as obras figurativas, entre as que podemos ver leóns ou froitos de palma decorando as espadas dos reis ou os bastóns dos seus conselleiros, como a decoración xeométrica, presente, por exemplo, nos pectorales, están realizadas con suma pericia técnica.




 Resultou interesantísimo coñecer esta mostra cultural ten descoñecida para todos nós. Descubrir novos mundos e culturas, un obxectivo do noso Club cumprido. Gran experiencia!

28 de xaneiro de 2025

Como pensar críticamente no século XXI

 Seguimos coa nosa función de tratar de formar aos nosos usuarios para que sexan críticos e aprendan a distinguir entre as fontes de información fiables e as que se limitan a expandir bulos e pseudociencia.

Convidamos á biblioteca a Manuel F. Herrador, profesor da UDC, que nos impartiu unha interesantísima charla para aprender a distinguir bulos e fake news entre o maremagnum de información ao que estamos expostos nas redes sociais.




Pseudociencias, como os remedios homeopáticos, resultaron cuestionados e rebatidos con evidencias ciéntificas.

Situamos no lado correcto as fontes de información fiables e as fake.


Tamén falamos dos sesgos e da nosa tendencia a ler o que coincide coas nosas crencias.


Unha charla imprescindible nos tempos que vivimos.

21 de outubro de 2024

Xadrez na biblioteca

 

Novidade! Este curso imos promover o xadrez na biblioteca. 

Podes aprender se non sabes as regras do xogo. 

Podes practicar se xa coñeces os fundamentos.

E podes competir nos torneos que imos organizar.

12 de abril de 2024

O club de lectura visita a exposición "Deuses e heroes do barroco veneciano"

 O Club de Lectura aproveitou a oportunidade ofrecida pola Fundación Barrié de coñecer grandes obras do barroco veneciano.

Resultou unha viaxe de descubrimento da mitoloxía, os heroes e os deuses que protagonizaron as narrativas de artistas que, cun extraordinario talento creativo e unha inspiración exuberante, foron capaces de transmitir a poética barroca no ronsel da tradición pictórica veneciana. As 52 obras (34 pinturas e 18 libros datados entre os séculos XVI e XVIII) que compoñen a mostra forman parte da colección da Fundación Querini Stampalia.






Grazas ao noso guía escoitamos novas versións dos mitos, historias cheas de celos, amor, vingaza e pasións, xusto o que buscamos no noso club.


18 de marzo de 2024

Volve o Rap á biblioteca

Contamos aquí o desenvolvemento dunha actividade integradora de varias competencias: comunicación, valores e emprendemento. Convidamos de novo ao rapero freestyler @Le33, xa que o curso pasado comprobamos o interese que espertou a súa visita entre o alumnado.




O alumnado de FP Básica e do Ciclo de Ensinanza e Animación Sociodeportiva tiveron oportunidade de participar, enlazando cos contidos relacionados cos módulos de comunicación que se imparten no ciclo. Tamén aproveitamos a actividade para ofrecer unha oportunidade de emprendemento e desenvolvemento persoal, visibilizando que é posible vivir profesionalmente dos nosos intereses persoais. 

Durante a charla aprendemos a historia do rap e o freestyle, as técnicas, as métricas, pero tamén de comunicación, do respeto ao oponente e de valores na competición e na vida.

A mensaxe final: Esfórzate cada día para lograr os teus soños.



Como non podía ser doutro xeito a actividade rematou cunha pequena demostración de batalla de galos, xunto cun grupo de profesores e alumnado.


23 de marzo de 2023

Freestyle no rap: Comunicación, valores y emprendemento

 Novo día de festa na nosa biblioteca. 

Desta volta tratando de facer unha actividade integradora de varias competencias: comunicación, valores e emprendemento, convidamos ao rapero freestyler @Le33, recente campión do mundo na final internacional de BDMdeluxe celebrada en Chile.

Estrenamos tamén a zona de auditorio do novo espazo bibliotecario, que pese a ser provisional estanos a gustar cada vez máis.





Durante a charla aprendemos un lote sobre a historia do rap e o freestyle, as técnicas, as métricas, pero tamén de comunicación, do respeto ao oponente e de valores na competición e na vida.




O alumnado do Ciclo de Ensinanza e Animación Sociodeportiva foi o que tivo oportunidade de participar, enlazando cos contidos relacionados con comunicación que se imparten no ciclo. Tamén aproveitamos a actividade para ofrecer unha oportunidade de emprendemento e desenvolvemento persoal, visibilizando que é posible vivir profesionalmente dos nosos intereses persoais. 

A mensaxe final: Esfórzate cada día para lograr os teus soños.

Como non podía ser doutro xeito a actividade rematou cunha pequena demostración de batalla de galos, xunto cun dos nosos alumnos.


6 de xuño de 2022

O Club de Lectura vai de exposición

 Unha das finalidades que queremos darlle ao Club de Lectura é facilitar aos seus membros participar en actividades de difusión cultural, visitando institucións culturais da contorna. Para rematar o curso este ano organizamos unha visita á sede da Fundación Barrié na Coruña. Tivemos  oportunidade de facer un percorrido guiado pola exposición "Textiles de Artistas".




A mostra ofrece un percorrido pola historia da arte do século XX a través de tecidos deseñados por artistas de primeira liña, con exemplos senlleiros que se insiren nalgúns dos principais movementos artísticos: fauvismo, cubismo, abstracción, surrealismo e pop art. Composta por máis dun centenar de obras, esta exposición presenta unha importante panorámica dos tecidos como forma de arte popular na Gran Bretaña, os Estados Unidos e a Europa do século XX.

Resultou moi interesante descubrir obras de Pablo Picasso, Salvador Dalí, Henri Matisse,  Joan Miró, Andy Warhol e Alexander Calder, entre outros.






Así remata a actividade do club este ano. O vindeiro curso continuaremos a compartir máis experiencias lectoras e culturais.

11 de febreiro de 2020

Encontro con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro de luxo cunha das autoras máis lidas en lingua galega, Ledicia Costas. A invitación xurdiu a través do noso Club de Lectura, cuxa última proposta lectora foi Infamia, a primeira novela para adultos da autora.



O alumnado de Bacharelato e os membros do Club tiveron ocasión de coñecer que inspirou a autora para escribir esta obra, cales foron as dificultades que atopou para non caer no morbo ao escribir sobre temas tan delicados e onde está Merlo, o pobo escenario da novela, que resultou ser Beade.






Houbo tempo para falar de literatura, de música, de curiosas visitas a cemiterios.



Para rematar o noso Club posou xunto a Ledicia.


Grazas por compartir tantas cousas con nós! Esperamos xa un novo encontro onde comentar unha nova obra.