Amosando publicacións coa etiqueta Autores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Autores. Amosar todas as publicacións

17 de febreiro de 2025

Marilar Aleixandre visita o noso Club de Lectura

 Hoxe tivemos a sorte de recibir no noso Club de Lectura a Marilar Aleixandre, para comentar a súa obra As malas mulleres, ca que acadou o Premio Nacional de Narrativa.

Nós tiñamos todo preparado, cunha pequena guía para a conversa.









 A obra é rica en temáticas: a xustiza, o aborto, a pobreza, a memoria, as mulleres invisibilizadas e as pioneiras (como Concepción Arenal e Juana de Vega), o poder da literatura...

Unha novela coral, tanto polo contido como pola súa forma, con ese coro de mulleres, dando voz as esquecidas. 


Marilar contounos o proceso da escrita da obra durante os meses da pandemia e as dificultades para atopar documentación sobre as protagonistas da obra. Ensinounos algúns dos documentos achados en arquivos e bibliotecas e descubrimos máis, por exemplo, sobre Juana de Vega, inxustamente descoñecida para gran parte da cidadanía, en parte por ser muller.




 Como en cada sesión, novos libros saíron dos andeis cara a mesa, enchendo aínda máis o listado de lecturas apetecibles e pendentes.

20 de novembro de 2024

Literatura expandida no noso Club de Lectura: visita de Bertol Arrieta

 

Cultura da Deputación da Coruña, a través do seu programa POLDRA de Literatura expandida permitiu que os membros do noso noso Club de Lectura aprenderan e gozaran sobre esa "arte da elipse".

O auténtico protagonista da sesión foi o actual residente vasco da Residencia Literaria 1863, o guionista, narrador e dramaturgo Bertol Arrieta que baseou a súa charla/obradoiro no seu máis recente título: a novela gráfica "En la parte más alta de las nubes", creado en colaboración coa ilustradora Sandra Garayoa.

Unha oportunidade poder participar do tecido cultural da contorna e crear redes nas que a literatura e os libros ocupan o lugar de privilexio que lles corresponde.

 







 




22 de febreiro de 2022

Azucre, unha lectura compartida con Bibiana Candia

 Nova oportunidade de compartir lectura coa súa creadora.

Hoxe tocoulle a quenda a Bibiana Candia e a súa novela Azucre.


A autora trouxo ata nós as voces daqueles rapaces que embarcaron rumbo a Cuba e acabaron convertidos en escravos. Musicalidade e beleza para narrar unha historia tan dura, que ben merece ser coñecida por todos.

 





Como ocorre en todas as sesións do Club, a lectura levou a comentar outros libros e historias que falan da emigración, do exilio, da Galicia rural, de expedicións en barco onde os nenos son protagonistas...



 
 
 
Para agasallar á autora escollemos unha cesta en forma de nasa, para seguir reivindicando o noso.



21 de decembro de 2021

Rebobinamos con JuanTallón a lectura de Rewind

 Se todas as sesións do Club de Lectura son das mellores experiencias na vida cotiá da biblioteca, a de onte quedará no noso recordo como un día especial, xa que Juan Tallón conquistounos coa súa espontaneidade, a súa altura intelectual e a súa naturalidade. 

Tivemos ocasión de ir adiante e atrás na súa novela Rewind para reflexionar sobre o azar, a fraxilidade do ser humano e a mesmo tempo a súa fortaleza.






Un privilexio poder ofrecer ao noso alumnado estas oportunidades. Grazas infinitas a Juan Tallón por ser tan xeneroso con nós.


11 de febreiro de 2020

Encontro con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro de luxo cunha das autoras máis lidas en lingua galega, Ledicia Costas. A invitación xurdiu a través do noso Club de Lectura, cuxa última proposta lectora foi Infamia, a primeira novela para adultos da autora.



O alumnado de Bacharelato e os membros do Club tiveron ocasión de coñecer que inspirou a autora para escribir esta obra, cales foron as dificultades que atopou para non caer no morbo ao escribir sobre temas tan delicados e onde está Merlo, o pobo escenario da novela, que resultou ser Beade.






Houbo tempo para falar de literatura, de música, de curiosas visitas a cemiterios.



Para rematar o noso Club posou xunto a Ledicia.


Grazas por compartir tantas cousas con nós! Esperamos xa un novo encontro onde comentar unha nova obra.




19 de febreiro de 2019

Alejandro Palomas visita a nosa biblioteca

O pasado mércores día 13 foi un día luminoso na nosa biblioteca. O sol entraba polas fiestras e Alejandro Palomas encheu de literatura o espazo. O alumnado de Bacharelato tiña moitas preguntas que facerlle ao autor de "Un hijo", Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2016 e tamén merecedor do Premio Nadal 2018 por "Un amor".






O noso altar fixo de improvisada cadeira ao autor. Os libros e a literatura ocupando os nosos espazos privilexiados!

5 de febreiro de 2019

Alejandro Palomas visitará o noso centro


Estamos emocionados pola visita de Alejandro Palomas o vindeiro día 13. O autor de "Un hijo" e "Unha madre", entre outras moitas obras, falará na Biblioteca da súa labor creativa e da súa traxectoria literaria.

O alumnado de 1º de BAC será o encargado de entrevistalo, tras a lectura que fixeron de "Un hijo", obra que acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Desexando que chegue o día!!

30 de maio de 2018

Contra todo isto: Unha invitación á toma de conciencia e o compromiso

Medo, desinformación, corrupción, violencia, desigualdade, patriarcado...

"Contra todo isto", o novo libro de Manuel Rivas propón limpar o medo, tomar conciencia e actuar, convertirnos en activistas. Non se pode permanecer inactivo senon que chega a hora do compromiso.

Moito que pensar con este libro que incorporamos aos nosos fondos


 Manolo Rivas dibuxounos unha rosa dos ventos, para que nos sirva de guía hacia a conciencia crítica


29 de maio de 2017

Antón Riveiro Coello e Carlos Casares: "A ferida do vento" e "Vento ferido"

Hoxe tivemos o pracer de recibir na Laboral grazas ao EDLG do centro a Antón Riveiro Coello.




Antón acercounos á figura de Carlos Casares a través da súa obra "A ferida do vento",  homenaxe a Casares e a vila de Xinzo de Limia.



Trouxo fotografías do seu álbum familiar (a muller de Antón é parente da familia Casares) e contounos anécdotas e conversas con el.


Tamén houbo tempo para recomendacións lectoras e musicais e para falar da vocación de escritor e do proceso de creación literaria.

Unha tarde moi aproveitada!!

17 de maio de 2017

Día das Letras Galegas e Carlos Casares

Como sabedes, hoxe celebramos o día das nosas letras, cunha homenaxe a Carlos Casares.

Na nosa escada expositora atoparedes algunha das súas obras


Se queredes coñecer máis sobre a súa biografía e a súa producción literaria e periodística, premede na imaxe

http://fundacioncarloscasares.org/fotografias/