Este blogue quere ser unha porta aberta a toda a comunidade educativa, na que mostraremos as actividades da biblioteca, as novidades nos fondos e trataremos de facer recomendacións interesantes relacionados coa lectura e a cultura en xeral.
Aproveitamos a exposición sobre emprendemento feminino para traballar os valores de igualdade e o fomento do espíritu emprendedor co alumnado.
Os alumnos e alumnas descubriron as historias de cada unha das protagonistas da exposición e valoraron o seu emprendemento como un éxito para elas, as súas familias e as súas comunidades.
Queda pendente para vindeiras sesións a visita de Sofía, unha das Mulleres Colleiteiras cuxa historia forma parte da exposición.
No 25N enchemos o noso hall de historias positivas, de proxectos de emprendemento feminino, que permiten ás súas protagonistas saír de situacións de violencia ou vulnerabilidade económica, para reivindicarse como persoas libres e autónomas, para levar adiante os seus proxectos vitais, axudando ao mesmo tempo as súas comunidades. O emprendemento pode ser ferramenta de cambio, dando oportunidades para ser libres.
Queremos agradecer a colaboración de Taller de Solidaridad dentro do seu proxecto Enredadas polo Cambio, por cedernos a exposición e programar o obradoiro de dinamización da mesma para o noso alumnado.
Inauguramos a biblioteca do mellor xeito posible, con alumnado colaborando, innovando, creando.
O alumnado de 2º do CS de Organización de Máquinas do Buque propuxo solucións para as carencias detectadas, buscando novas ideas de negocio. Aprendendo a emprender con Lego Serious Play na biblioteca. As bibliotecas dos CIFP ao servizo da súa comunidade educativa.
Contamos aquí o desenvolvemento dunha actividade integradora de varias competencias: comunicación, valores e emprendemento. Convidamos de novo ao rapero freestyler @Le33, xa que o curso pasado comprobamos o interese que espertou a súa visita entre o alumnado.
O alumnado de FP Básica e do Ciclo de Ensinanza e Animación Sociodeportiva tiveron oportunidade de participar, enlazando cos contidos relacionados cos módulos de comunicación que se imparten no ciclo. Tamén aproveitamos a actividade para ofrecer unha oportunidade de emprendemento e desenvolvemento persoal, visibilizando que é posible vivir profesionalmente dos nosos intereses persoais.
Durante a charla aprendemos a historia do rap e o freestyle, as técnicas, as métricas, pero tamén de comunicación, do respeto ao oponente e de valores na competición e na vida.
A mensaxe final: Esfórzate cada día para lograr os teus soños.
Como non podía ser doutro xeito a actividade rematou cunha pequena demostración de batalla de galos, xunto cun grupo de profesores e alumnado.