31 de marzo de 2019

Volven os English Coffee á biblioteca


O luns, día 1, na aula de traballo colaborativo da biblioteca comezan de novo os English Coffee. Aproveita os recreos para mellorar o teu nivel de inglés. Grazas a Julia, a nosa auxiliar de conversa, por colaborar con nós.
Aquí tedes o horario de funcionamento



25 de marzo de 2019

Os varóns dan as súas voces ás historias con nome de muller.

Aproveitando a nosa exposición de Mulleres a Contracorrente quixemos que o noso alumnado fixera unha pequena reflexión sobre o papel que estas mulleres tiveron nos distintos ámbitos. Procuramos que alumnos ou profesores varóns relacionados coa actividade na que destacaron estas mulleres lerán unha breve recensión sobre cada unha delas.

Se tantas veces os logros das mulleres foron esquecidos nos libros de historia escritos por varóns, hoxe dez alumnos e profesores do centro deron voz a estas biografías con nome de muller.





















20 de marzo de 2019

Ces femmes sont super

O alumnado de francés elaborou unha cartelería para engalanar a nosa biblio durante o mes de marzo, homenaxeando a grandes mulleres francesas





Descubrindo tesouros entre Mulleres a Contracorrente

O alumnado de Formación Básica traballou os contidos da área de comunicación atopando a información necesaria na exposición de Mulleres a Contracorrente logrando reunir todos os datos para cazar o tesouro.











Mulleres a contracorrente no deporte




Seguimos a traballar o tema da igualdade no deporte. Se na nosa exposición de Mulleres a contracorrente contamos con Irene Basanta e María Antonina Sanjurjo, estes días tivemos ocasión de escoitar as experiencias de dúas mulleres en ámbitos deportivos masculinizados.

Dunha banda, a nosa alumna do Ciclo de Mecatrónica, María Lista contou aos seus compañeiros e compañeiras a súa historia como piloto de karting e das dificultades que atopou por ser muller.






Elena Roca, directora técnica do club de rugby C.R.A.T falaunos da necesidade de rachar cos estereotipos de xénero no deporte.
Importa o xénero do adestrador/a?

 O seu auditorio: o alumnado dos Ciclos de Actividades Físicas e Deportivas e das ensinanzas especiales deportivas de Fútbol.



15 de marzo de 2019

A nosa exposición do 8M recibe moitas visitas

A exposición de Mulleres a Contracorrente recibe a visita doutros usuarios do edificio, alumnado da EOI, alumnado de cursos de AFD (Acción formativa para Desempregados) promovidos polo Servizo de Emprego.

Temos prevista a visita doutros centros do Concello e que a exposición viaxe cara a outros lugares.












Pero aínda temos moitas actividades previstas relacionadas con esta exposición. Estade pendientes!

Nova biblioteca de xénero e igualdade



Queremos visibilizar a igualdade nos nosos andeis e por iso creamos una sección nova, onde incluiremos a temática de xénero e igualdade. Nestes estantes atoparás fondos de ficción e non ficción que falan de muller, de feminismo, de temática LGTB. Cambiamos a etiqueta destes fondos ao color violeta para podelos identificar facilmente.






Unha nova cartelería preside o andel, que pensamos encher rapidamente. Celebramos así o Día da Muller con libros, como nos gusta.


14 de marzo de 2019

Novos recursos TIC para o alumnado

Coa intención de dar a coñecer as posibilidades do Software Libre e dar de paso a posibilidade para que o alumnado con poucos recursos poida ter tamén acceso a un equipo informático, o equipo TIC actualizou tres portátiles antigos instalándolle un disco duro SSD e o sistema operativo Linux coa distribución UBUNTU.

Esta semana anunciouse na web do centro e nas redes sociais a apertura do prazo para que o alumnado, a través da titoría, poida solicitar a cesión ata fin de curso dun dos portátiles UBUNTU.

O prazo para a solicitude da cesión dos equipos remata o vindeiro xoves 21 de marzo.


Tamén se instalou o AUTOCAD en varios equipos da biblioteca para facilitar ao alumnado os recursos  axustados as demandas das programacións dos módulos técnicos dos Ciclos Formativos


9 de marzo de 2019

Mulleres a Contracorrente: Pioneiras coruñesas

Recollemos nesta entrada a outras mulleres que desde A Coruña fixeron historia. Son nomes máis coñecidos, pero en todos os casos os seus méritos quedaron relegados polo simple feito de ser mulleres.




A primeira enfermeira de saúde pública internacional


Isabel Zendal foi a única muller que participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola. A pesar de construír un dos piares esenciais no seu éxito, é a grande esquecida nunha historia escrita por e para homes.

Esta expedición foi patrocinada por Carlos IV e tiña o obxectivo  de levar a vacina ás colonias españolas en América.

Parte do porto da Coruña, e nela participan un equipo médico  e 22 crianzas dos hospicios de Madrid, Santiago e A Coruña. Isabel acompaña estas crianzas na expedición, responsabilizándose do seu coidado.

 
A máis brillante matemática do noso país, viviu allea ao recoñecemento, pese a ser pioneira no campo da álxebra e ter dirixido as teses doutoraies dos máis relevantes matemáticos de hoxe en día.
 
María Wonenburguer é considerada unha das máis importantes especialistas en álxebra, foi a artífice dunha das máis complexas teorías matemáticas  e foi solicitada como directora das teses doutoraies de oito prestixiosos matemáticos de hoxe en día. Foi pioneira en licenciarse en matemáticas, obter unha bolsa Fulbright e ser a única profesora de matemáticas en claustros universitarios unicamente masculinos. Ironicamente, durante o franquismo non lle recoñeceron a tese doutoral que desenvolvera en Canadá, e viuse obrigada a realizar un novo traballo académico. Con 56 anos retírase para cuidar a súa nai.



A novelista, poeta e xornalista culleredense foi unha das primeiras mulleres correspondentes de guerra do noso país, chegando a narrar as dúas guerras mundiais e a revolución bolchevique.
 
Sofía Casanova foi unha pioneira do xornalismo, viaxeira incansable e testimuña dos grandes acontecementos que tiveron lugar na Europa da primeira mitade do século XX. Traballou tamén como tradutora xa que dominaba, ademais do castelán e o galego, outros seis idiomas. A súa produción literaria foi inxente, chegando a ser nominada ao Premio Nobel de Literatura.
 

8 de marzo de 2019

Mulleres a Contracorrente: Activismo social de dúas mulleres vinculadas a Culleredo


Nacida en Culleredo foi unha importante activista galega, sufraxista e presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña. Un exemplo de muller comprometida coa causa da igualdade de dereitos entre os sexos, do acceso da muller á cultura e da súa dignificación.






Esta coruñesa, que pasaba os veráns en Culleredo, na súa farmacia de Santiago dispensaba durante a etapa franquista anticonceptivos sen receita médica, apoiando a decisión libre das mulleres de elixir como e cando queren ser nais 
 
Maruxa foi unha muller humanista, hixienista e, sobre todo, libre. Unha liberdade que se fai ben patente durante os duros e escuros anos do franquismo. Anos de restricións de carácter político, social e cultural especialmente duros para as mulleres. Anos en que está prohibida a práctica do aborto e o emprego de calquera método anticonceptivo diferente ao do ineficaz calendario “ogino”. E anos en que Maruxa, saltando as regras impostas polo goberno, comercializa na súa botica calquera tipo de anticonceptivo sen receita médica (pílula, preservativo…).

Mulleres a Contracorrente: As Mulleres das Encrobas, unha loita colectiva





O conflito das Encrobas, hoxe esquecido da memoria colectiva, resúmese nunha imaxe icónica: labregas á fronte, defendendo as súas terras ante axentes da garda civil, vestidos con tricornio e capa. Os veciños, coas mulleres por diante, enfrontáronse co que tiñan -sachos, paus, galletas ou paraugas-. Houbo agresións, desmaios, carreiras, berros, tensión...e as fotografías tiradas por Xosé Castro, fotógrafo de La Voz de Galicia, fixeron que o conflito ocupase portadas e programas de televisión. A sociedade solidarizouse coa causa e os encerros e manifestacións de apoio foron numerosas. Precisamente a única vítima mortal do conflito foi Emilio Suárez, un estudante da Universidade Laboral que morreu electrocutado cando colocaba unha pancarta no tellado do instituto. Bateu cun cable de alta tensión, propiedade, precisamente, de Fenosa