Amosando publicacións coa etiqueta Banda Deseñada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Banda Deseñada. Amosar todas as publicacións

16 de xuño de 2026

20 de abril de 2026

Día do Comic e do Tebeo

 

 

Pódcast con motivo do 17 de marzo, Día do Cómic e o Tebeo, gravado no CIFP Universidade Laboral (Culleredo).
María, docente e coordinadora do Club de Lectura do instituto, presenta o programa; Nati, alumna e integrante do Club de Lectura, asume a entrevista; e Hugo, alumno e usuario da biblioteca, comparte as súas paixóns como lector ávido de cómics e tebeos.
O episodio combina relatos persoais, reflexións e suxestións sobre obras favoritas.

18 de decembro de 2024

Xogamos a Lotería no Club de Lectura

 A última proposta lectora do ano foi a novela gráfica a Loteria, de Shirley Jackson, na versión ilustrada polo neto da creadora do relato, Miles Hyman.

Unha profunda crítica social para poñer en cuestión o valor da tradición e das convencións sociais.










 




Por suposto, nós tamén xogamos á lotería, pero a unha moito máis agradable: decidir quen tiña o primer turno de palabra. Falar, expresar opinións, disentir... unha sorte participar! Menuda lotería!

19 de decembro de 2023

Miguelanxo Prado comparte con nós a súa obra Ardalén

 


 Día de festa no Club de Lectura con convidado de luxo. 

O mellor agasallo de Nadal para os membros do Club de Lectura foi compartir con Miguelanxo Prado máis de tres horas de charla, o que nos brindou a oportunidade de coñecer o seu proceso creativo.



 

A tarde estivo protagonizada por Ardalén, unha verdadeira xoia, cunhas ilustracións marabillosas e unha estructura literaria onde se vai dosificando a información para que descubramos os laberintos da memoria de Fidel e a súa vida real e a imaxinaria. O realismo máxico invade a obra e ao final sempre nos quedará a dúbida de se realmente somos o que soñamos.

Miguelanxo falounos das súas lecturas, das laboriosas horas de creación no seu estudo e recomendounos obras imprescindibles de banda deseñada, moitos das cales xa están nos nosos andeis.




Agradecidas pola súa xenerosidade e deseando que volte outra tarde para falarnos do seu novo proxecto. 

A última sesión do ano quedará para sempre na memoria do Club, para construir o nosa traxectoria soñada.

8 de novembro de 2023

Bingo! Club de Lectura modo on!

 O curso non queda oficialmente inaugurado ata que o Club de Lectura non cata os primeiros biscoitos.





Hoxe xuntámonos na primeira sesión do Club, como nos gusta facer sempre, todos mesturados: socios Premium, con moitos anos de fidelidade ao club e novos membros, un pouco cohibidos; profesorado en activo, profesorado xubilado, auxiliares de conversa, alumnado de 2º ano, alumnado acabado de chegar ao centro... 

 

Esta sesión serviu para presentarnos e falar dos nosos gustos lectores, as nosas manías (non ler en dixital, prestar ou non prestar, dobrar as follas, facer anotacións), os nosos praceres lectores (ler coa mantiña, ler cun café, chorar cun libro) e así ata cantar Bingo!


Estamos convencidos de que esta receita funciona, tanto como a do biscoito de chocolate que degustamos.

Por suposto, quedou convocada a seguinte sesión para gozar dunha xoia, Ardalén, de Miguelanxo Prado.

Toda unha declaración de intencións: máis banda deseñada, máis galego, máis arte con maiúsculas.


23 de febreiro de 2023

Nova biblioteca Manga!

 Levábamos tempo querendo ampliar a nosa colección cunha selección de fondos Manga. Sabemos do interese do alumnado por este tipo de obras pero non tiñamos suficiente coñecemento para acometer a tarefa.

Grazas á implicación dunha nova compañeira no equipo da biblioteca mercamos o noso primeiro lote para a biblioteca Manga.

A idea é ter ben diferenciados estes fondos e realizar tarefas de dinamización lectora respecto aos mesmos.

 A variedade de manga é tan ampla que calquera persoa pode atopar un manga que lle guste. Hai manga de misterio, de fantasía, de ciencia-ficción, de vida cotiá, lgtbi+, de aventuras, de terror... Hai un manga para calquera tipo de lector!
Así, invitámoste a ver as diferentes recomendacións que hai na biblioteca.














20 de febreiro de 2020

Banda deseñada e redes lectoras, a mellor combinación

O noso Club de Lectura tivo unhas convidadas de luxo na sesión do luns. Que mellor que contar con Anabel Cardiel e Sira González, bibliotecarias das Bibliotecas Municipais da Coruña, para compartir as nosas impresións.

Elas que levan anos coordinando Clubs e facendo recomendacións lectoras axudáronnos a interpretar a lectura da obra "El azul es un color cálido", de Julie Maroh.




A biblioteca chea para compartir a lectura.


Sira falounos da banda deseñada como soporte para transmitir emocións e historias. Aprender a ler banda deseñada ten un só truco: ler moito e diverso.


Sobre a mesa moitas propostas lectoras. Sira e Anabel faláronnos dunhas e outras, sen descanso.

Unha sesión na que aprendemos todas.
A maxia das redes lectoras tecidas na cidade é marabillosa. As bibliotecarias marcharon contentas de ter compartido cas novas xeracións os seus gustos lectores e nós felices de acollelas na nosa casa. A lectura e a biblioteca coma acubillo.




30 de xaneiro de 2020

Día da Ilustración. Coñeceremos á autora do cartaz deste ano

Coincidindo coa data de nacemento de Castelao cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración. Ademáis de reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultura galega, serva para homenaxear un autor ou autora da ilustración galega. A persoa homenaxeada este ano é o ilustrador ourensán Cándido Fernández Mazas.


 Resultado de imagen de día de la ilustración candido mazas

Para máis información sobre o autor podedes visitar o sitio web do Día da Ilustración:

https://www.diadailustracion.gal/

O cartaz deste ano é obra de Xulia Pisón.


Pronto teremos ocasión de coñecer a Xulia xa que visitará o noso centro para falar da visión da muller na historia da banda deseñada e impartirá un obradoiro de iniciación ao cómic. Desexando que chegue o día!

23 de xaneiro de 2018

O Club de Lectura comparte unha nova lectura

Hoxe no club falamos da experiencia da semana pasada na biblioteca dos Rosales. Buscamos nos andeis algún dos libros recomendados por Sira e Anabel (as nosas bibliotecarias favoritas) e descubrimos moitos deles. Logo tocaba comentar a nova lectura "Los caballos de Dios". Unha obra que gustou moito pese a súa dureza e que xenerou debate sobre o conflicto árabe, as orixes do terrorismo, o fundamentalismo relixioso ou político.... Buscamos tamén outras lecturas sobre territorios en conflicto o sobre África. Menuda tertulia!!




15 de xaneiro de 2018

Tecendo redes co noso Club de Lectura

Hoxe o noso club tivo o privilexio de celebrar a súa sesión nun espazo especial: a Biblioteca de Os Rosales, pertencente á rede de bibliotecas municipais de A Coruña.





Por recomendación das súas bibliotecarias, Sira González e Anabel Cardiel,  lemos e comentamos a obra "El Faro", de Paco Roca. Para moitos dos participantes era a súa primeira lectura de banda deseñada. Pareceunos que reunía moitos ingredientes para agradar: un conto con moitas referencias literarias,  inspirado no mundo do mar, especialmente atractivo para todos e tamén, claro, para os nosos alumnos dos Ciclos de Marítimo. A edición de Astiberri resultou moi didáctica cunhas notas finais do propio autor explicando como  xurdiu a idea desta obra e como foi "retocada" para esta edición. 
A conclusión foi unánime: todos os participantes gozaron coa descuberta e ábrense a un mundo de novas e infinitas lecturas que tiñan descartadas, por prexuicios ou simple ignorancia.

Que gusto é atopar polo camiño cómplices que axudan a tecer redes lectoras! 
Para nós, cuns usuarios maioritariamente adultos, as bibliotecas municipais de A Coruña son unha fonte de inspiración. Tanto máis cando atopas bibliotecarias entusiastas que transmiten o seu amor polos libros e polo seu traballo. 
Por suposto, houbo tempo para explorar a biblioteca, cubrir solicitudes de novos socios, escoitar moitas recomendacións lectoras e, por suposto, para ler.