Amosando publicacións coa etiqueta redes lectoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta redes lectoras. Amosar todas as publicacións

2 de xuño de 2025

Roteiro literario por Portugal xunto co Club de Lectura do IES Blanco Amor

 Tiñamos pendente de compartir o roteiro por Portugal feito xunto ao Club de Lectura do IES Blanco Amor, para falar do clásico da literatura en lingua portuguesa A miña planta de laranxa lima, de Jose Mauro de Vasconcelos.

Resultou moi interesante visitar o Palacio da Breijoeira y facer unha visita guiada pola localidade de Tui, dúas localizacións tan próximas que comparten unha historia en común.












27 de maio de 2025

Charla con Stepánka Jislová



Desde a Residencia Literaria 1863 fixéronnos o convite para recibir a autora checa residente Stepánka Jislová.

Tivemos a mala sorte de que se programou para o día do apagón eléctrico e a charla tivo que facerse posteriormente por videoconferencia xa que rematara a estadía na Residencia.


A charla resultou moi interesante. A autora falounos da escrita como terapia, do uso do color, da suas influencias. Deixamos unha mostra da súa presentación.








Unha gran oportunidade a colaboración coa Residencia Literaria 1863 para tecer redes lectoras e coñecer novas voces literarias.

20 de novembro de 2024

Literatura expandida no noso Club de Lectura: visita de Bertol Arrieta

 

Cultura da Deputación da Coruña, a través do seu programa POLDRA de Literatura expandida permitiu que os membros do noso noso Club de Lectura aprenderan e gozaran sobre esa "arte da elipse".

O auténtico protagonista da sesión foi o actual residente vasco da Residencia Literaria 1863, o guionista, narrador e dramaturgo Bertol Arrieta que baseou a súa charla/obradoiro no seu máis recente título: a novela gráfica "En la parte más alta de las nubes", creado en colaboración coa ilustradora Sandra Garayoa.

Unha oportunidade poder participar do tecido cultural da contorna e crear redes nas que a literatura e os libros ocupan o lugar de privilexio que lles corresponde.

 







 




20 de decembro de 2022

Festa no Club de Lectura: tivemos convidada, doces e moitos libros

 Última sesión do ano no Club de Lectura e tocaba facer unha festa das que nos gustan, claro: libros, doces e convidada de luxo.

Abarrote arredor da nosa mesa lectora. 




 

Hoxe tocaba comentar Maus, de Art Spiegelman. Unha lectura moi esixente, con moitos niveis de lectura, que provocou algo de desconcerto en lectores non habituados ao formato de banda deseñada.

Para tratar de facilitar a comprensión da obra convidamos a Sira González, bibliotecaria na rede de bibliotecas municipais da Coruña e gran entusiasta do comic e coñecedora de moitas chaves para a mediación lectora nunha obra desta envergadura. Suma ademáis moitos anos de coordinación de Clubs de Lectura. Unha oportunidade de rematar o ano no Club ao grande, en mans expertas.

 


 

Por suposto, Maus permite falar de historia, de alta literatura con tantos niveis narrativos, de dibuxo, de metáforas, da riqueza das súas viñetas...



Coma boa biblitecaria que é, Sira aproveitou para falar de moitos outros comics que temos nos nosos fondos. Xoias tales coma El arte de volar, El ala rota, Hierba...

 


 

Coa axuda de Sira fixemos unha pequena selección de obras de banda deseñada  que contan a Historia, con maiúsculas.



Compartimos a proposta feita desde o Ciclo de Animación Deportiva para traballar o bullying co alumnado do Ciclo ao que pensamos convidar á nosa sesión de xaneiro para incorporar outras visións, outras experiencias, outras voces.

 


Grazas por todo, Sira!




Pequenos agasallos de Nadal, novas propostas de lectura... Quen necesita máis?

Ata o 2023! Felices Festas!


20 de febreiro de 2020

Banda deseñada e redes lectoras, a mellor combinación

O noso Club de Lectura tivo unhas convidadas de luxo na sesión do luns. Que mellor que contar con Anabel Cardiel e Sira González, bibliotecarias das Bibliotecas Municipais da Coruña, para compartir as nosas impresións.

Elas que levan anos coordinando Clubs e facendo recomendacións lectoras axudáronnos a interpretar a lectura da obra "El azul es un color cálido", de Julie Maroh.




A biblioteca chea para compartir a lectura.


Sira falounos da banda deseñada como soporte para transmitir emocións e historias. Aprender a ler banda deseñada ten un só truco: ler moito e diverso.


Sobre a mesa moitas propostas lectoras. Sira e Anabel faláronnos dunhas e outras, sen descanso.

Unha sesión na que aprendemos todas.
A maxia das redes lectoras tecidas na cidade é marabillosa. As bibliotecarias marcharon contentas de ter compartido cas novas xeracións os seus gustos lectores e nós felices de acollelas na nosa casa. A lectura e a biblioteca coma acubillo.




15 de xaneiro de 2018

Tecendo redes co noso Club de Lectura

Hoxe o noso club tivo o privilexio de celebrar a súa sesión nun espazo especial: a Biblioteca de Os Rosales, pertencente á rede de bibliotecas municipais de A Coruña.





Por recomendación das súas bibliotecarias, Sira González e Anabel Cardiel,  lemos e comentamos a obra "El Faro", de Paco Roca. Para moitos dos participantes era a súa primeira lectura de banda deseñada. Pareceunos que reunía moitos ingredientes para agradar: un conto con moitas referencias literarias,  inspirado no mundo do mar, especialmente atractivo para todos e tamén, claro, para os nosos alumnos dos Ciclos de Marítimo. A edición de Astiberri resultou moi didáctica cunhas notas finais do propio autor explicando como  xurdiu a idea desta obra e como foi "retocada" para esta edición. 
A conclusión foi unánime: todos os participantes gozaron coa descuberta e ábrense a un mundo de novas e infinitas lecturas que tiñan descartadas, por prexuicios ou simple ignorancia.

Que gusto é atopar polo camiño cómplices que axudan a tecer redes lectoras! 
Para nós, cuns usuarios maioritariamente adultos, as bibliotecas municipais de A Coruña son unha fonte de inspiración. Tanto máis cando atopas bibliotecarias entusiastas que transmiten o seu amor polos libros e polo seu traballo. 
Por suposto, houbo tempo para explorar a biblioteca, cubrir solicitudes de novos socios, escoitar moitas recomendacións lectoras e, por suposto, para ler.