19 de febreiro de 2019

O alumnado de ciclos colabora coa biblioteca

Nestas últimas semanas a biblioteca ten uns colaboradores de luxo.

O alumnado do centro anda a implicarse nas nosas necesidades.

A biblioteca necesitaba soportes para a ordenación dos libros nos andeis.  O alumnado do Módulo de Procesos de Montaxe púxose mans á obra!







Xa temos un prototipo, pendente de pintura e perfeccionamento. Non queren que quede de calquera xeito!

Tamén temos coma cómplices ao alumnado de 1º de Ciclo Superior de Mantemento de Instalacións Térmicas. Estamos preparando unha exposición para o 8 de marzo que pensamos vai quedar espectacular grazas á súa axuda





Os equipos de aire acondicionado da biblioteca necesitaban un bo mantemento. Pois listo! O alumnado do CS de Eficiencia Enerxética solucionou o problema e agora marchan estupendo

 Grazas ao alumnado e ao profesorado deses módulos por colaborar con nós! Entre todos construímos unha biblioteca ao servizo do centro!

Alejandro Palomas visita a nosa biblioteca

O pasado mércores día 13 foi un día luminoso na nosa biblioteca. O sol entraba polas fiestras e Alejandro Palomas encheu de literatura o espazo. O alumnado de Bacharelato tiña moitas preguntas que facerlle ao autor de "Un hijo", Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2016 e tamén merecedor do Premio Nadal 2018 por "Un amor".






O noso altar fixo de improvisada cadeira ao autor. Os libros e a literatura ocupando os nosos espazos privilexiados!

11 de febreiro de 2019

Día da muller e da nena na ciencia

Hoxe, 11 de febreiro, é o día da muller e a nena na ciencia. Non hai mellor momento para recordar a moitas pioneiras, que sufriron a discriminación e aínda a apropiación dos seus logros polos seus colegas varóns.

Na biblioteca estas mulleres teñen o seu propio espazo nos nosos andeis


5 de febreiro de 2019

Alejandro Palomas visitará o noso centro


Estamos emocionados pola visita de Alejandro Palomas o vindeiro día 13. O autor de "Un hijo" e "Unha madre", entre outras moitas obras, falará na Biblioteca da súa labor creativa e da súa traxectoria literaria.

O alumnado de 1º de BAC será o encargado de entrevistalo, tras a lectura que fixeron de "Un hijo", obra que acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Desexando que chegue o día!!

21 de xaneiro de 2019

Seguimos falando de "Os nenos da varíola" no Club de Lectura

Nova reunión do Club para comentar a lectura do libro de María Solar e tamén a charla que une Literatura e Ciencia que se celebrou a semana pasada no Salón de Actos.



Moi interesante a reflexión de como se conta a historia segundo os pobos que a protagonizan, como uns episodios son esquecidos ou pouco valorados, mentres outros paises reivindicar moito mellor a súa historia.





Tamén aproveitamos para repartir as novas libretas da Asesoría e propoñer a nova lectura, para preparar a visita de Alejandro Palomas o vindeiro mes de febreiro



16 de xaneiro de 2019

María Solar trouxo "Os nenos da varíola" á Laboral

Hoxe tivemos ocasión de compartir, grazas á Editorial Galaxia, unha charla con María Solar na que combinamos literatura e ciencia. María acudiu acompañada de Luisa Martínez Lorenzo (Responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia) e de Marta López Cabo (do Departamento de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Marinos).

 "Os nenos da varíola" é unha obra tan trasversal que permite falar de vacinas, historia, o papel das mulleres... Tamén provoca debates éticos sobre a utilización dos nenos nesta xesta ou a posible utilización de armas biolóxicas nunha futura guerra. Coma se fósemos un comité votamos asambleariamente se pagaría a pena destruir os virus que permanecen almacenados nalgún lugar de EEUU e Rusia. Mete medo pensar en mans de quen andan custodiados materiais tan sensibles!

O luns seguiremos comentando esta obra na sesión do Club de Lectura