6 de marzo de 2023

Probando, probando... Radio na biblio

 Para a posta en funcionamento da nosa Radio na Biblio contamos coa axuda técnica imprescindible do alumnado de 2º CS Mantemento Electrónico que construíron unha emisora de FM. Agora están na fase de axustes pois se recibe con moito ruido.

Nas fotos vémolos traballando co transmisor, como se recibe nun receptor e como é o proceso para axustar a frecuencia de transmisión. 









23 de febreiro de 2023

Nova biblioteca Manga!

 Levábamos tempo querendo ampliar a nosa colección cunha selección de fondos Manga. Sabemos do interese do alumnado por este tipo de obras pero non tiñamos suficiente coñecemento para acometer a tarefa.

Grazas á implicación dunha nova compañeira no equipo da biblioteca mercamos o noso primeiro lote para a biblioteca Manga.

A idea é ter ben diferenciados estes fondos e realizar tarefas de dinamización lectora respecto aos mesmos.

 A variedade de manga é tan ampla que calquera persoa pode atopar un manga que lle guste. Hai manga de misterio, de fantasía, de ciencia-ficción, de vida cotiá, lgtbi+, de aventuras, de terror... Hai un manga para calquera tipo de lector!
Así, invitámoste a ver as diferentes recomendacións que hai na biblioteca.














14 de febreiro de 2023

Recordo a Domingo Villar do noso Club de Lectura

 Desta volta quixemos render homenaxe a Domingo Villar, cunha das súas últimas obras publicadas, Algúns contos completos. Pensamos que esta pequena xoia resume moi ben a contribución á nosa literatura deste autor.

Trátase dunha obra sen artificios nin complicacións, uns pequenos contos de andar pola casa, de gozar cos amigos, de rirse xuntos e desto vai tamén un club de lectura.




Aproveitamos para encher a mesa doutras propostas de lecturas en galego, contos mariñeiros, mitos e lendas, premios nacionais de narrativa, novela negra, clásicos da nosa literatura... centos de propostas na nosa lingua.

Para preparar a sesión elaboramos unha pequena guía de lectura, situando no mapa cada un dos contos.


Logo etiquetamos as temáticas de cada conto.


E por último, recollemos algúns fragmentos significativos de algúns deles.



Tamén atopamos nas redes algúns vídeos de Domingo Villar narrando algún dos contos. Resulta emocionante escoitalo.


Algunhas imaxes da sesión:




 




Aínda que nesta sesión houbo menos asistentes que noutras ocasións (o curso vai pesando) seguimos sumando tamén novas incorporacións. Non se pode pedir máis.

O amor ten moitas lecturas

 Na biblioteca fixemos unha selección de obras que tratan o amor, pero non queremos falar do mito do amor romántico, senón de tantas outras formas de amar.

 







 



27 de xaneiro de 2023

Convite do Club de Lectura no novo espazo da biblioteca

 Onte tivemos unha sesión moi especial no Club. Era a nosa primeira vez no espazo provisional habilitado durante o desenvolvemento das obras no centro. Temos que recoñecer que salvadas algunhas cuestións técnicas estamos colléndolle o punto á nova biblioteca.

Nova experiencia compartindo a sesión con parte do alumnado de 2º do CS de Ensinanzas e Animación Sociodeportivas que se sumou ao convite de ler Invisible, de Eloy Moreno.



Falamos sen filtros do bullying, dos acosados, dos acosadores, das nosas experiencias e da responsabilidade de todos ao manter unha cómoda pasividade, mirando para outro lado. 

Para preparar a sesión seleccionamos entre os nosos fondos algúns textos que teñen relación co acoso, a discriminación e a saúde mental, prestando especial atención a aqueles relacionados co mundo do deporte, para que tivesen maior interese para os nosos convidados.

 


 

Iniciamos a charla visualizando un video que reflicte unha situación de acoso.

 

 O debate sobre a lectura foi moi intenso, xa que todos nós vivimos preto  nalgunha ocasión situacións similares.




 

Utilizamos o xogo Ikonikus para falar dos alcumes que algunha vez tivemos e expresar como nos fixo sentir recibir este nome. Espallamos as tarxetas sobre a mesa e cada quen escolleu a máis representativa da súa emoción. Reflexionamos tamén como o protagonista da novela non ten nome, e como é unha estratexia acosadora deixar sen nome propio, sen identidade, ao acosado.

 


Na obra a tatuaxe da profesora, o dragón, fai o papel de guardián. Quixemos empoderarnos escollendo tamén nós un animal mitolóxico para que nos represente.

 



Case dúas horas de debate e charla compartida, que souberon a pouco.

A mellor forma de estrear o novo espazo da biblioteca: mesa chea de libros e arredor persoas comprometidas en reflexionar, ler e compartir.


18 de xaneiro de 2023

Mudámonos! Visita o novo espazo

 


Como sabedes por mor das obras no centro tivemos que trasladar a biblioteca a un novo espazo. Estamos preparando todo para que podamos atopar un lugar de encontro agradable e práctico para toda a comunidade educativa.