31 de marzo de 2020

Unha proposta dos nosos voluntarios e voluntarias na biblioteca: Concurso de Microrrelatos

O alumnado participante no programa de voluntariado da biblioteca seguen a traballar tamén na corentena e propóñennos un concurso de Microrrelatos.

Vai destinado tanto a profesores e persoal non docente coma ao alumnado do centro, en distintas categorías.

 


A temática do concurso estará relacionada coa Axenda 2030. 



Aquí tedes o resto das bases:



Agora que todos vivimos dentro dunha distopía, podemos aproveitar o tempo para participar aínda que queda claro que a realidade parece superar calquera ficción. Moito ánimo!

20 de febreiro de 2020

Banda deseñada e redes lectoras, a mellor combinación

O noso Club de Lectura tivo unhas convidadas de luxo na sesión do luns. Que mellor que contar con Anabel Cardiel e Sira González, bibliotecarias das Bibliotecas Municipais da Coruña, para compartir as nosas impresións.

Elas que levan anos coordinando Clubs e facendo recomendacións lectoras axudáronnos a interpretar a lectura da obra "El azul es un color cálido", de Julie Maroh.




A biblioteca chea para compartir a lectura.


Sira falounos da banda deseñada como soporte para transmitir emocións e historias. Aprender a ler banda deseñada ten un só truco: ler moito e diverso.


Sobre a mesa moitas propostas lectoras. Sira e Anabel faláronnos dunhas e outras, sen descanso.

Unha sesión na que aprendemos todas.
A maxia das redes lectoras tecidas na cidade é marabillosa. As bibliotecarias marcharon contentas de ter compartido cas novas xeracións os seus gustos lectores e nós felices de acollelas na nosa casa. A lectura e a biblioteca coma acubillo.




17 de febreiro de 2020

Os ODS e as artes inspiran as nosas reivindicacións

Pensamos que calquera circunstancia, incluso as máis negativas, pode servir para traballar contidos e valores.

Á hora de defender a nosa singularidad, reivindicando a permanencia de todas as ensinanzas que se imparten actualmente no centro, consideramos que era unha boa ocasión para combinar arte e os obxectivos da Axenda 2030.

Deste xeito, estamos a facer "perfomance" inspiradas en grandes obras da pintura, escenas de película, carátulas de discos...

Recollemos as feitas ata agora, pero seguiremos!









O voluntariado da biblioteca cos ODS

O alumnado que participa no programa de voluntariado está a desenvolver unha serie de accións para difundir a Axenda 2030 entre a nosa comunidade educativa.

Este é o primeiro dos vídeos elaborados autonomamente pola súa propia iniciativa nos que destacan algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

A biblioteca, un viveiro de cidadáns comprometidos e responsables.


11 de febreiro de 2020

Encontro con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro de luxo cunha das autoras máis lidas en lingua galega, Ledicia Costas. A invitación xurdiu a través do noso Club de Lectura, cuxa última proposta lectora foi Infamia, a primeira novela para adultos da autora.



O alumnado de Bacharelato e os membros do Club tiveron ocasión de coñecer que inspirou a autora para escribir esta obra, cales foron as dificultades que atopou para non caer no morbo ao escribir sobre temas tan delicados e onde está Merlo, o pobo escenario da novela, que resultou ser Beade.






Houbo tempo para falar de literatura, de música, de curiosas visitas a cemiterios.



Para rematar o noso Club posou xunto a Ledicia.


Grazas por compartir tantas cousas con nós! Esperamos xa un novo encontro onde comentar unha nova obra.




30 de xaneiro de 2020

Día da Ilustración. Coñeceremos á autora do cartaz deste ano

Coincidindo coa data de nacemento de Castelao cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración. Ademáis de reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultura galega, serva para homenaxear un autor ou autora da ilustración galega. A persoa homenaxeada este ano é o ilustrador ourensán Cándido Fernández Mazas.


 Resultado de imagen de día de la ilustración candido mazas

Para máis información sobre o autor podedes visitar o sitio web do Día da Ilustración:

https://www.diadailustracion.gal/

O cartaz deste ano é obra de Xulia Pisón.


Pronto teremos ocasión de coñecer a Xulia xa que visitará o noso centro para falar da visión da muller na historia da banda deseñada e impartirá un obradoiro de iniciación ao cómic. Desexando que chegue o día!

29 de xaneiro de 2020

Noites de cine

Neste tempo de inverno apetece sofá, manta e... película.

Aquí tes unha escolma de novidades na nosa sección de cine, pero temos moitas máis, case tantas coma Netflix. Sen dúbida, o noso catálogo ten máis calidade:)