30 de xaneiro de 2024

Libros sen volta: novo expurgo

 Coa nova remodelación da biblioteca descartamos moitas das enciclopedias e outras obras que estaban no antigo almacén. Son exemplares que non teñen sentido xa na nosa biblioteca, e con certa pena hai que recoñecer que case en ningunha. 

Por  iso decidimos darlles unha derradeira oportunidade e ofrecer estes exemplares a comunidade educativa, para levar sen volta.






18 de xaneiro de 2024

Novo cambio de andeis na biblioteca...e van...

 Outra vez toca mudar os andeis da biblioteca, coa esperanza de que sexa a definitiva. Seguimos en situación provisional, tratando de acomodarnos ao novo espazo asignado. Desta volta, ampliamos moitos metros, que queremos encher de actividades e recursos.






Moito traballo que esperamos logre que a comunidade educativa teña novos recursos ao seu alcance. Na nosa mente temos ideado un espazo de radio, un espazo maker, un espazo de traballo colaborativo... Esperemos que sexan pronto unha realidade.

19 de decembro de 2023

Miguelanxo Prado comparte con nós a súa obra Ardalén

 


 Día de festa no Club de Lectura con convidado de luxo. 

O mellor agasallo de Nadal para os membros do Club de Lectura foi compartir con Miguelanxo Prado máis de tres horas de charla, o que nos brindou a oportunidade de coñecer o seu proceso creativo.



 

A tarde estivo protagonizada por Ardalén, unha verdadeira xoia, cunhas ilustracións marabillosas e unha estructura literaria onde se vai dosificando a información para que descubramos os laberintos da memoria de Fidel e a súa vida real e a imaxinaria. O realismo máxico invade a obra e ao final sempre nos quedará a dúbida de se realmente somos o que soñamos.

Miguelanxo falounos das súas lecturas, das laboriosas horas de creación no seu estudo e recomendounos obras imprescindibles de banda deseñada, moitos das cales xa están nos nosos andeis.




Agradecidas pola súa xenerosidade e deseando que volte outra tarde para falarnos do seu novo proxecto. 

A última sesión do ano quedará para sempre na memoria do Club, para construir o nosa traxectoria soñada.

12 de decembro de 2023

Nadal Solidario

 


 O equipo da Biblioteca impulsa unha nova campaña solidaria de recollida de alimentos. Poderás traelos directamente ou se o prefires podes mercar un marcapáxinas, pagando por el o que consideres para facer a donativo e o equipo da Biblioteca encargarase de mercar as alimentos cos fondos recaudados). Podes vir no horario de apertura da Biblioteca. Todos os que fagan donativos recibirán un boleto para participar nun sorteo o día 21 de produtos de comercio xusto.


 

Anunciaremos nas nosas redes sociais a cantidade de alimentos que será doada grazas á vosa solidariedade.

Pensamos que é importante trasmitir estes valores solidarios ao alumnado, así que animámosvos a que os acompañades á biblioteca e lles expliquedes esta iniciativa. Cada un pode contribuir segundo as súas posibilidades. Cada euro€ conta!

 





8 de novembro de 2023

Bingo! Club de Lectura modo on!

 O curso non queda oficialmente inaugurado ata que o Club de Lectura non cata os primeiros biscoitos.





Hoxe xuntámonos na primeira sesión do Club, como nos gusta facer sempre, todos mesturados: socios Premium, con moitos anos de fidelidade ao club e novos membros, un pouco cohibidos; profesorado en activo, profesorado xubilado, auxiliares de conversa, alumnado de 2º ano, alumnado acabado de chegar ao centro... 

 

Esta sesión serviu para presentarnos e falar dos nosos gustos lectores, as nosas manías (non ler en dixital, prestar ou non prestar, dobrar as follas, facer anotacións), os nosos praceres lectores (ler coa mantiña, ler cun café, chorar cun libro) e así ata cantar Bingo!


Estamos convencidos de que esta receita funciona, tanto como a do biscoito de chocolate que degustamos.

Por suposto, quedou convocada a seguinte sesión para gozar dunha xoia, Ardalén, de Miguelanxo Prado.

Toda unha declaración de intencións: máis banda deseñada, máis galego, máis arte con maiúsculas.


31 de outubro de 2023

English Conversation

 Unha nova oportunidade de mellorar as túas habilidades lingüísticas en inglés uníndote ao noso English Conversation.

Recorda que sempre contarás coa axuda de Lucía, Noelia membros do departamento de idiomas, ou de Rene, a nosa auxiliar de conversa. Ven pola biblioteca os luns de 12:00 a 13:00 ou os martes de 10:30 a 11:30.

Grazas por facelo posible.