Moito botabamos de menos o noso club e as sesións presenciais.
Desde a última sesión do Club celebrada na biblioteca en febreiro de 2020, pasamos por unha pandemia, o IES pasou a ser CIFP, parte do profesorado que nos acompañaba nestas sesións tivo que marchar. Nada que ver ca situación actual, con máscaras, outro perfil de alumnado e novo horario. Pero se hai algo que non se perdeu: as ganas de compartir lecturas e... o pracer de tomar chocolate.
Con todas as dificultades superadas, hoxe tocou presentar o noso menú aos novos membros do club. Temos unha carta moi variada, para todos os gustos, con aperitivos, menú do día, cousas máis fortes (brasa e leña) e por suposto doces e sobremesas.
Fixemos as presentacións e cada un de nós explicou os seus gustos lectores e recomendou as súas últimas lecturas.
A biblioteca lucía nos seus andeis moitas propostas lectoras para comentar na sesión e para convidar con máis lecturas aos asistentes.
Jamás tendré 20 años de Jaime Martín, Open de André Agassi, La casa de Paco Roca marcharon debaixo do brazo de alguén.
A proposta lectora para o mes é Rewind de Juan Tallón. Parécenos que a temática do libro é moi axeitada para o momento que vivimos, de reflexionar sobre o que é importante na nosa vida, de parar para seguir. Cremos que dará moito que falar, sobre todo se temos a oportunidade de compartir as nosas reflexións co autor. Desexando que chegue o día!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Graciñas por participar en biblioviva