26 de marzo de 2021

Día da poesía





Este ano celebramos o Día da poesía cun concurso de videopoemas que tivo moito éxito, nel premiamos diferentes aspectos como a orixinalidade ou a declamación poética. Puxemos un exemplo de Lucía Nodar, a profesora de inglés con poemas de creación propia en castelán e en inglés, ¡Grazas Lucía pola túa preciosa aportación!

Deixamos a continuación os vídeos para que poidades desfrutar deles. 

Terceiro premio á orixinalidade:

 



Segundo premio á mellor declamación:


Primeiro premio á mellor calidade artística:



Aproveitamos ademais o Día da poesía para celebrar a segunda sesión do Club de lectura, esta vez tocou Soldados de Salamina de Javier Cercas, cambiamos opinións, impresións e voltamos á Guerra Civil española, unha época chea de odios, rencores, pero tamén de heroes e esperanzas.








23 de marzo de 2021

O noso proxecto de Igualdade en FP Now

O Proxecto de Igualdade que levamos a cabo en FP básica no módulo de Comunicación e Sociedade foi seleccionado para participar en FP Now. Este é un estudo a nivel estatal elaborado pola fundación Tomillo e financiado polo Ministerio de Benestar, Consumo e Benestar Social sobre a innovación na FP e o estudo das Competencias básicas na FP básica e Grao medio. A semana pasada o noso centro participou no encontro «FP en Acción: Propuestas para la equidad socioeducativa» e posteriormente publicouse o caderno de boas prácticas docentes no que se recolle o desenvolvemento do noso proxecto de igualdade.


Deixamos o enlace no que se pode consultar o Caderno de boas prácticas.








12 de marzo de 2021

Obradoiro: A muller no cómic

Onte, para rematar coas actividades do Día da muller, tivemos na nosa biblioteca a Xulia Pisón, especialista en ilustración, cómic e humor gráfico.  Falounos da muller no mundo do cómic e o cine facéndonos reflexionar sobre moitas cuestións das que non nos decataramos. Ao rematar a súa charla tivemos un pequeno coloquio entre todos. Os asistentes foron os alumnos e alumnas de primeiro do ciclo de Actividades Físicas e Deportivas, estiveron moi atentos e participativos.







Para rematar a actividade os nosos alumnos tiveron un obradoiro de cómic para deixar voar o seu maxín...










10 de marzo de 2021

Semana da prensa e mesa redonda

Hoxe tratamos de unir dúas conmemoracións moi importantes nunha mesma actividade, tivemos na nosa biblioteca unha mesa redonda sobre o sexismo no deporte para seguir a celebrar o Día da muller e a Semana da prensa. Contamos coa participación de varios alumnos e alumnas do centro que destacan en varios deportes como judo, fútbol ou softball e o noso auditorio foi o alumnado do segundo curso do ciclo de Actividades físicas e deportivas.




Contamos ademais con dúas mulleres destacables no mundo do deporte, Vane Alonso, campioa de España e do mundo de pádel, e Teresa Martínez, primeira muller árbitro internacional de hockey no mundo. Estas dúas deportistas nos falaron da súa experiencia e nos contaron diversas situacións polas que tiveron que pasar na súa carrreira deportiva só polo feito de ser muller. Compartimos todos a nosas experiencias e chegamos a unha conclusión unánime: queda moito por facer no eido da igualdade.
















8 de marzo de 2021

Día da Muller

Hoxe, 8 de marzo, celebramos coma todos os anos o Día da muller. Nesta ocasión fixemos un mercadillo solidario a través da ONG Mujer Wanawake que loita pola iguadade de xénero. Puxémosnos a vender artesanía feita por mulleres africanas e rematada por mulleres españolas en risco de exclusión social; a recadación irá destinada á educación de nenas de África. Tivemos moito éxito e grazas á colaboración dos docentes, alumnos e persoal do centro serán varias as becas que consigamos para estas rapazas que sofren a discriminación por xénero no seu país. Esta actividade enmárcase tamén no Proxecto de Igualdade que se está a levar a cabo no módulo de Comunicación e Sociedade co alumnado de FP básica.









Ademais fixemos na nosa biblioteca unha selección de fondos procedentes da estantería de igualdade para os nosos lectores.