8 de novembro de 2023

Bingo! Club de Lectura modo on!

 O curso non queda oficialmente inaugurado ata que o Club de Lectura non cata os primeiros biscoitos.





Hoxe xuntámonos na primeira sesión do Club, como nos gusta facer sempre, todos mesturados: socios Premium, con moitos anos de fidelidade ao club e novos membros, un pouco cohibidos; profesorado en activo, profesorado xubilado, auxiliares de conversa, alumnado de 2º ano, alumnado acabado de chegar ao centro... 

 

Esta sesión serviu para presentarnos e falar dos nosos gustos lectores, as nosas manías (non ler en dixital, prestar ou non prestar, dobrar as follas, facer anotacións), os nosos praceres lectores (ler coa mantiña, ler cun café, chorar cun libro) e así ata cantar Bingo!


Estamos convencidos de que esta receita funciona, tanto como a do biscoito de chocolate que degustamos.

Por suposto, quedou convocada a seguinte sesión para gozar dunha xoia, Ardalén, de Miguelanxo Prado.

Toda unha declaración de intencións: máis banda deseñada, máis galego, máis arte con maiúsculas.


31 de outubro de 2023

English Conversation

 Unha nova oportunidade de mellorar as túas habilidades lingüísticas en inglés uníndote ao noso English Conversation.

Recorda que sempre contarás coa axuda de Lucía, Noelia membros do departamento de idiomas, ou de Rene, a nosa auxiliar de conversa. Ven pola biblioteca os luns de 12:00 a 13:00 ou os martes de 10:30 a 11:30.

Grazas por facelo posible.



Xa chegou o Samain! Que non cho conten!




Podes atopar moreas de historias de medo nos nosos andeis, que non che meta medo a lectura!


 


17 de outubro de 2023

Axenda 2030: Prepárate para reciclar

 A biblioteca  quere ser o fío condutor do traballo no centro en prol da Axenda 2030.



Entre as accións programadas anunciamos a visita do Punto Limpo Móbil no mes de novembro.



Continuamos así, un ano máis, a colaboración nas accións de sensibilización ambiental do Consorcio As Mariñas a través da presenza no centro do servizo de proximidade do Punto Limpo Móbil. Durante unha semana, a comunidade educativa poderá depositar no mesmo os residuos para os que está destinado, conseguindo deste xeito:

-Facilitar un punto de entrega dese tipo de residuos.

-Promover a recollida separada das fraccións de residuos, especialmente os de maior potencial contaminante e que se xeran en menor cantidade.

-Combater o depósito incorrecto destes residuos no lixo común ou directamente no chan á beira dos colectores.

-Contribuír á sensibilización en materia de residuos, promovendo o concepto de economía circular.

-Favorecer a recollida, clasificación e preparación dos residuos especiais do fogar, para a súa reutilización.

-Completar o servizo que se ofrece desde o Consorcio As Mariñas coa recollida de voluminosos, Minipunto Limpo Fixo e Punto Limpo fixo.

O correcto depósito de residuos supón un tratamento seguro para os mesmos na procura de espazos limpos e saudables. Isto implica a necesidade de sensibilizar na separación en orixe e no adecuado uso dos colectores instalados en vía pública para cada fracción (orgánico, inorgánico, papel, vidro, aceite, téxtil) así como do depósito do resto de tipoloxías de residuos urbanos en Punto Limpo.




Non queremos desaproveitar a ocasión para propoñer algunha lectura relacionada coa Axenda 2030 e os distintos ODS.




Volve o Club de Lectura

 Xa estamos organizando a volta do noso Club de Lectura. Estamos desexando compartir lecturas e sobremesas. 

Se os libros e as lambetadas son o teu, pásate pola biblioteca e infórmate. A primeira sesión será o martes día 7 de novembro, as 15:30.




25 de setembro de 2023

Apertura da Biblioteca. Horario provisional

 Hoxe é o primeiro día de apertura da biblioteca. Aínda estamos en modo provisional e o horario non é definitivo. Trataremos de amplialo todo o que sexa posible.

Esperamos que o servizo resulte útil á comunidade educativa.

Benvid@s á nosa biblioteca.


 

20 de xuño de 2023

Compartindo experiencias na Radio da Biblioteca

 Algunhas compañeiras comezaron este curso a impartir os seus módulos de xeito colaborativo, integrando os resultados de aprendizaxe nun proxecto conxunto.


Para aprender máis sobre esta proceso de ensino-aprendizaxe un grupo de profesores e profesoras viaxamos a finais de abril a Euskadi, para coñecer de primeira man o traballo de centros que levan máis de dez anos con esta experiencia. A verdade é que a visita resultou moi instructiva e voltamos con moitas ganas de compartir o que alí vimos.
 

 


Aquí tedes o enlace á charla que gravamos onte na biblioteca onde compartimos a experiencia da viaxe,  as dificultades e as ventaxas que tiveron Sara Lombao e Susana Rey traballando por proxectos e os pasos que está dando o equipo docente do Ciclo de Prevención de Riscos para levar adiante este xeito de traballar o vindeiro curso.
 

2 de xuño de 2023

Proxecto de Radio listo!

 O alumnado do Ciclo de Instalacións de Telecomunicacións traballaron para deixar a nosa radio funcionando e lista para emitir.






1 de xuño de 2023

Prototipos listos para molar na nosa biblioteca

 Quen pode presumir de ter materiais de deseño tan espectacular?






Grazas ao alumnado e o profesorado que o acompaña nestas tarefas. Nós estamos que morremos de amor!

24 de maio de 2023

Viaxe a Corea e Xapón grazas ao Club de Lectura


 O Club de Lectura cerrou as sesións do ano cunha impresionante excursión virtual a Corea e Xapón, da man da novela Pachinko, de Min Jin Lee.



Canto aprendemos sobre a situación dos coreanos en Xapón, a súa discriminación e as súas costumes!


María ilustrounos a sesión con moitas anécdotas das súas viaxes e das súas lecturas relacionadas con esta zona.

Que sería unha sesión de Club de Lectura sen un novo lote de recomendacións lectoras? Moitos xa quedaron anotados na lista de "pendentes de ler" dos asistentes.



Aprendemos palabras en coreano representativas de moitos dos temas da lectura e da cultura coreana...



Tamén visitamos o tráiler da serie inspirada na novela e coñecemos a historia real relatada por algunhas mulleres coreanas que viviron en primeira persoa o éxodo a Xapón.




A obra levounos a falar doutros libros que andaban pola nosa mesa y que tratan o tema da emigración: Emigrantes de Shaun Tan, Todo lo que pudimos, de Thi Bui ou o xa lido no Club, Azucre, de Bibiana Candia.



En definitiva, unha viaxe fascinante.

A mellor conclusión: Pretendíase que esta fose a derradeira sesión do ano pero os asistentes demandaron unha nova lectura e continuar... Será que esto da lectura é unha adicción? Cumprirase o desexo? Apostas no Pachinko!

11 de maio de 2023

Xa tes a suscripción ao noso Lerflix?

 Seguimos coa oferta de suscripción de balde ao noso Lerflix.

Mira a nosa pantalla de inicio, axiña chegarán as novidades para o 17 de maio.


 

 


10 de maio de 2023

Poesía, unha descuberta de emocións

 Hoxe tivemos a sorte de recibir a Dores Tembrás no noso Club de Lectura. Pedímoslle que nos fixera un obradoiro de aproximación á poesía, un xénero que para a maoiría dos asistentes é alleo nas súas lecturas.


 


Descubrimos que a poesía é ritmo, é beleza, é emoción. Imposible non quedar conquistadas polos versos recitados con tanta verdade na voz de Dores.

 







Se a función dun club de lectura é compartir experiencias e sentimentos arredor dunha obra literaria, hoxe acadamos o obxectivo cando quedamos en silencio colectivo ao recibir o impacto dos versos escoitados. 

 Imposible non declararse amante da poesía cando na túa primeira chegada ao xénero abreche a porta unha militante convencida, que chega cargada con balas do calibre de Edna St. Vincent Millay, Pilar Adón e Sharon Olds, entre outras.

Outro día marabilloso para gardar na memoria do noso Club.



2 de maio de 2023

Novos soportes feitos polo alumnado colaborador

 Estamos namoradas dos novos soportes elaborados polo alumnado grazas a implicación das súas profesoras dos módulos técnicos de procesos de montaxe.





Un toque industrial para os nosos soportes, que lles da unha personalidade única. Grazas!