24 de maio de 2023

Viaxe a Corea e Xapón grazas ao Club de Lectura


 O Club de Lectura cerrou as sesións do ano cunha impresionante excursión virtual a Corea e Xapón, da man da novela Pachinko, de Min Jin Lee.



Canto aprendemos sobre a situación dos coreanos en Xapón, a súa discriminación e as súas costumes!


María ilustrounos a sesión con moitas anécdotas das súas viaxes e das súas lecturas relacionadas con esta zona.

Que sería unha sesión de Club de Lectura sen un novo lote de recomendacións lectoras? Moitos xa quedaron anotados na lista de "pendentes de ler" dos asistentes.



Aprendemos palabras en coreano representativas de moitos dos temas da lectura e da cultura coreana...



Tamén visitamos o tráiler da serie inspirada na novela e coñecemos a historia real relatada por algunhas mulleres coreanas que viviron en primeira persoa o éxodo a Xapón.




A obra levounos a falar doutros libros que andaban pola nosa mesa y que tratan o tema da emigración: Emigrantes de Shaun Tan, Todo lo que pudimos, de Thi Bui ou o xa lido no Club, Azucre, de Bibiana Candia.



En definitiva, unha viaxe fascinante.

A mellor conclusión: Pretendíase que esta fose a derradeira sesión do ano pero os asistentes demandaron unha nova lectura e continuar... Será que esto da lectura é unha adicción? Cumprirase o desexo? Apostas no Pachinko!

11 de maio de 2023

Xa tes a suscripción ao noso Lerflix?

 Seguimos coa oferta de suscripción de balde ao noso Lerflix.

Mira a nosa pantalla de inicio, axiña chegarán as novidades para o 17 de maio.


 

 


10 de maio de 2023

Poesía, unha descuberta de emocións

 Hoxe tivemos a sorte de recibir a Dores Tembrás no noso Club de Lectura. Pedímoslle que nos fixera un obradoiro de aproximación á poesía, un xénero que para a maoiría dos asistentes é alleo nas súas lecturas.


 


Descubrimos que a poesía é ritmo, é beleza, é emoción. Imposible non quedar conquistadas polos versos recitados con tanta verdade na voz de Dores.

 







Se a función dun club de lectura é compartir experiencias e sentimentos arredor dunha obra literaria, hoxe acadamos o obxectivo cando quedamos en silencio colectivo ao recibir o impacto dos versos escoitados. 

 Imposible non declararse amante da poesía cando na túa primeira chegada ao xénero abreche a porta unha militante convencida, que chega cargada con balas do calibre de Edna St. Vincent Millay, Pilar Adón e Sharon Olds, entre outras.

Outro día marabilloso para gardar na memoria do noso Club.



2 de maio de 2023

Novos soportes feitos polo alumnado colaborador

 Estamos namoradas dos novos soportes elaborados polo alumnado grazas a implicación das súas profesoras dos módulos técnicos de procesos de montaxe.





Un toque industrial para os nosos soportes, que lles da unha personalidade única. Grazas!