26 de abril de 2019

Aldaolado sembran versos e sonrisos na biblioteca

Hoxe na biblioteca celebramos por todo o alto o Día do Libro, e fixémolo ao grande coa visita de Lucía Aldao e María Lado.

Xa que este ano a temática proposta para as bibliotecas escolares é Poéticas Diversas pensamos en darlle unha volta ao concepto de poesía, en romper prexuízos e promover un recital poético non ao uso, no que impera a risa, a improvisación e a complicidade.

Alumnado de 1º de BAC e do Ciclo Superior de Mantemento de Instalacións Térmicas e Fluídos, xunto con moitos representantes do profesorado, gozamos da oportunidade de compartir os versos e o humor de Aldaolado.




Primeiro, tocaron as presentacións...


 Uns versos para comezar...


Sempre hai tempo para reivindicar o idioma e practicar sobre o uso do pronome átono, coa axuda das cancións de Rocío Jurado.




Pero tamén tivemos que facer de poetas improvisados


O resultado encantounos, quedounos un poema magnífico, único e inesquecible.



24 de abril de 2019

Versos, música e humor para celebrar o Día do Libro

O departamento de Lingua Castelá e a Biblioteca organizamos conxuntamente unha actividade relacionando o Día do Libro coa temática deste ano das Bibliotecas Escolares (Poéticas Diversas). O venres o alumnado de 1º de Bacharelato asistirá na biblioteca ao espectáculo de Lucía Aldao e María Lado, combinando versos, música e humor. Será ás 11:15 na biblioteca. O aforo de alumnado está completo pero o profesorado que teñades dispoñibilidade horaria quedades convidados, aínda que quededes de pé.



Podedes ver un adianto do traballo de AldaoLado  aquí.

Hoxe, Día do Libro e dos dereitos de autor, aproveitamos para compartir o díptico para conmemorar este día elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares.  Marilar Aleixandre xenerosamente cedeu un poema para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, sobre a lectura como unha viaxe ao fondo das preguntas. Un texto que convida  a reflexionar sobre a importancia da lectura como revulsivo para interrogar, cuestionar, dubidar, aprender, enfocar, repensar e nunca conformarse.


8 de abril de 2019

Imos ao teatro co Club de Lectura

Na sesión de hoxe do Club decidimos ler un pouco de teatro. Eleximos unha obra de Darío Fo, Pareja abierta, que nos fixo rir un lote. Tamén é certo que os "actores" fixeron un bo papel e moitos méritos. Pasámolo xenial!






Semana da Saúde: Poemas que curan

Estamos a celebrar a Semana da Saúde. Hoxe houbo unha feira no hall e a biblioteca non quixo faltar cos nosos Poemas que curan. Que maravilla repartir versos e recibir sonrisos!








6 de abril de 2019

Rompendo estereotipos no deporte

O venres contamos coa presenza na biblioteca de deportistas (homes e mulleres) de distintas disciplinas. Algúns deles son alumnas e alumnos da Laboral; outras son deportistas de elite, campioas a nivel nacional.

Tivemos representación do mundo do boxeo, rugby, remo, fútbol, conducción de cars, judo. Como auditorio contamos co alumnado e profesorado do Ciclo de Animación Deportiva e correspondeu moderar o debate a unha alumna de Bacharelato, apoiada pola profesora de Lingua Castelá.

Tiñamos moitas ganas de escoitar diferentes puntos de vista e a biblioteca lucía preparada para acoller o acto.




A actividade inaugurou a Semana da Saúde que se celebrará no centro con exposicións, charlas, almorzos saudables e moito máis que temos preparado.

Cando falamos de saúde temos que ter presente a definición da OMS que indica que saúde é un estado de completo benestar físico, psíquico e social. Por tanto, as sociedades con actitudes machistas están enfermas e non son sas.

Para iniciar o debate visualizamos o bochornoso momento da entrega do Balón de Ouro a Ada Hegerberg



Seguimos cunha parodia de José Mota, entrevistando a Garbiñe Muguruza, aínda que lamentablemente concorda bastante coa realidade do tratamento dos medios de comunicación ao deporte feminino

Todas as participantes consideraron que aínda que no seu grupo deportivo non viviran situacións de discriminación cos seus compañeiros varóns, desde as propias gradas, as arbitraxes, as federacións, os medios de comunicación  si se manteñen condutas e actitudes claramente sexistas.







Resultaron moi interesantes todas as experiencias compartidas.




Aproveitando a presenza de deportistas de alto rendimento, quixemos centrar o debate nun aspecto, ás veces esquecido ou invisibilizado: Que pasa tras a retirada do deporte de elite? Como é á volta a realidade fóra da competición?


Ter claro que é moi difícil vivir do deporte por un longo periodo de tempo, formarse, estudar, acadar un emprego, tratar de compatibilizar vida persoal e deportiva parecen ás solucións.


En definitiva, o tempo previsto, hora e media,  non chegou a nada. Queda moito por visibilizar e debater. A biblioteca queda aberta para continuar falando, pensando e reflexionando.

4 de abril de 2019

Coñece o Software Libre: cedemos un portátil con UBUNTU.

Ismael, alumno do CS de Prevención de Riscos, xa está disfrutando de todas as posibilidades que ofrece Software Libre. Xa lle foi entregado por Miguel Pena, director do IES Universidade Laboral, María Moares, a súa titora, e Fernando Vidal, do equipo TIC, un dos portátiles UBUNTU que a biblioteca do IES Universidade Laboral pon a disposición do alumnado para dar a coñecer o potencial do Software Libre.
Se es alumno ou alumna do IES Universidade Laboral, podes coñecer todas as posibilidades que ofrece o Software Libre solicitando a cesión dun dos portátiles UBUNTU que o centro pon á vosa disposición. Podes solicitar a cesión a traves do teu titor ou titora.

3 de abril de 2019

I Semana da Saúde

A vindeira semana será intensa no centro: celebramos a I Semana da Saúde. Están previstas exposicións, debates, charlas, experiencias...

Aquí tedes o calendario

Para abrir boca (esperando que chegue a hora do almorzo saudable) xa temos unha exposición no hall da cafetería sobre plantas invasoras, grazas a ADEGA.


O prato forte será o luns día 8, cando moitos departamentos do centro xunto co alumnado montaremos unha Feira da Saúde no hall principal. Atoparemos no seu posto ao alumnado nas mesas de Bioloxía, Química, Electricidade, Educación Física, FOL...

Tratándose da saúde non poden faltar tampouco as mesas informativas organizadas polo alumnado do Ciclo de Prevención de Riscos Laborais que nos dará todo tipo de pautas para mellorar o noso estado xeral de benestar.

E por suposto, alí estará tamén a biblioteca, cunha selección de fondos que tratan a medicina, a enfermidade, a saúde sexual...

Unha pequena escolma do que atoparedes


Pero non nos conformamos cunha exposición. Queremos curalo todo! E que mellor que a poesía para remediar todos os males: non hai mal de amores, machismo, guerra ou tristeza que se resista ao poder dos versos.


Temos unha botica chea de poemas que curan





E un frasco de pílulas motivadoras


Moito por contar!

Club de Cine

Este ano púxose en marcha un Club de Cine organizado polo Departamento de Filosofía. Xa tivemos tres sesións.

No primeira, a película foi El Show de Truman. Con ela o alumnado repensou a Platón e conseguiu dubidar da realidade do mundo.



A seguinte sesión xirou arredor de La Ola. Trememos de medo ante nós mesmos ao decatarnos do doado que poder ser mostrar unha actitude totalitaria


A última película que se visionou foi máis esixente. Tivemos que prestar moita atención aos diálogos porque a acción era mínima (aparentemente): todo trascurría nunha sala pechada e os movementos que se producían eran semellantes a unha partida de xadrez, lentos, racionais e só perceptibles polas mentes despertas como as vosas, aínda que hai que recoñecer que as bolachas axudaron moito!




Sexismo e deporte: Debate na biblioteca



O venres día 5 contaremos coa presenza de varios profesionais do deporte que nos falarán sobre o deporte de alto rendemento e a súa cara oculta. Teremos oportunidade de coñecer experiencias de mulleres e varóns nun mesmo deporte. O alumnado de Bacharelato moderará o debate. Entre o público estará tamén o alumnado dos Ciclo de Animación Deportiva.