8 de novembro de 2023

Bingo! Club de Lectura modo on!

 O curso non queda oficialmente inaugurado ata que o Club de Lectura non cata os primeiros biscoitos.





Hoxe xuntámonos na primeira sesión do Club, como nos gusta facer sempre, todos mesturados: socios Premium, con moitos anos de fidelidade ao club e novos membros, un pouco cohibidos; profesorado en activo, profesorado xubilado, auxiliares de conversa, alumnado de 2º ano, alumnado acabado de chegar ao centro... 

 

Esta sesión serviu para presentarnos e falar dos nosos gustos lectores, as nosas manías (non ler en dixital, prestar ou non prestar, dobrar as follas, facer anotacións), os nosos praceres lectores (ler coa mantiña, ler cun café, chorar cun libro) e así ata cantar Bingo!


Estamos convencidos de que esta receita funciona, tanto como a do biscoito de chocolate que degustamos.

Por suposto, quedou convocada a seguinte sesión para gozar dunha xoia, Ardalén, de Miguelanxo Prado.

Toda unha declaración de intencións: máis banda deseñada, máis galego, máis arte con maiúsculas.