25 de novembro de 2019

Os membros do club compartimos a nosa primeira lectura

A experiencia máis bonita de coordinar unha biblioteca e participar nas sesións do Club de Lectura. Resulta moi gratificante descubrir un novo grupo lector e compartir charla e impresións sobre a lectura.

O grupo é moi numeroso pero decidimos probar a compartir en un só grupo os comentarios e, de certo, foi unha idea acertada pois tivemos tempo de falar todos e a experiencia resultou moi enriquecedora.

O libro, Sweet Sixteen, de Annelise Heurtier, basado en feitos históricos, levounos a falar de igualdade, discriminación e racismo. Debatimos ata onde estaríamos dispostos a chegar para defender os nosos ideais. A maioría non consideramos ter sido tan ousados coma Molly, a protagonista.





Recordamos a figura de Martin Luther King cun pequeno vídeo e observamos as fotografías publicadas na prensa sobre os protagonistas reais da historia.



Repartimos a nova lectura, La ley del menor, de Ian McEwan, que esperamos provoque discusión e debate.


Rematamos, xa que hoxe é 25N, cuns poemas contra a violencia de xénero





Deixa a túa mensaxe!

Hoxe o alumnado deixou na instalación do vestíbulo as súas mensaxes contra a violencia. Pequenos xestos contra unha gran lacra social.





22 de novembro de 2019

Instalación para o 25N




Xa temos todo listo para recoller todas as mensaxes contra a violencia de xénero.
A igualdade de xénero é un dos ODS que estará sempre presente nas nosas actuacións.



Os ODS presiden o noso centro



No vestíbulo de entrada ao centro puxemos un gran panel informativo co compromiso do IES coa axenda 2030. Seguimos!


20 de novembro de 2019

Preparando o 25N

O alumnado do Ciclo de Eficiencia Enerxética (FP Dual) está a preparar un gran lazo violeta onde imos recoller todas as mensaxes de rexeitamento da violencia.


Quedou xenial! Grazas pola colaboración!

16 de novembro de 2019

O alumnado de nova incorporación asiste a novas sesións de formación de usuarios

Durante varias sesións tratamos de que todo o alumnado de primeiros cursos coñeza os servizos que presta a biblioteca e aprenda a buscar nos seus fondos. A formación de usuarios é a nosa ocupación principal nestes días: temos máis de 500 alumnos e alumnas incorporados ao centro este curso.









5 de novembro de 2019

Melloramos a sinalización de idiomas nos fondos

Para facilitar a localización de fondos escritos en lingua orixinal, decidimos identificar os textos que posuímos en lingua francesa, inglesa e portuguesa. Optamos por situar unha bandeira do idioma de orixe do texto.

Esperamos que sexa de utilidade para os nosos usuarios!






2 de novembro de 2019

Novas revistas polo magosto

Xa temos as novidades no revisteiro da biblioteca. Desta volta, mulleres, deportes, emprendemento e cine ocupan os nosos andeis de lectura.