27 de xaneiro de 2023

Convite do Club de Lectura no novo espazo da biblioteca

 Onte tivemos unha sesión moi especial no Club. Era a nosa primeira vez no espazo provisional habilitado durante o desenvolvemento das obras no centro. Temos que recoñecer que salvadas algunhas cuestións técnicas estamos colléndolle o punto á nova biblioteca.

Nova experiencia compartindo a sesión con parte do alumnado de 2º do CS de Ensinanzas e Animación Sociodeportivas que se sumou ao convite de ler Invisible, de Eloy Moreno.



Falamos sen filtros do bullying, dos acosados, dos acosadores, das nosas experiencias e da responsabilidade de todos ao manter unha cómoda pasividade, mirando para outro lado. 

Para preparar a sesión seleccionamos entre os nosos fondos algúns textos que teñen relación co acoso, a discriminación e a saúde mental, prestando especial atención a aqueles relacionados co mundo do deporte, para que tivesen maior interese para os nosos convidados.

 


 

Iniciamos a charla visualizando un video que reflicte unha situación de acoso.

 

 O debate sobre a lectura foi moi intenso, xa que todos nós vivimos preto  nalgunha ocasión situacións similares.




 

Utilizamos o xogo Ikonikus para falar dos alcumes que algunha vez tivemos e expresar como nos fixo sentir recibir este nome. Espallamos as tarxetas sobre a mesa e cada quen escolleu a máis representativa da súa emoción. Reflexionamos tamén como o protagonista da novela non ten nome, e como é unha estratexia acosadora deixar sen nome propio, sen identidade, ao acosado.

 


Na obra a tatuaxe da profesora, o dragón, fai o papel de guardián. Quixemos empoderarnos escollendo tamén nós un animal mitolóxico para que nos represente.

 



Case dúas horas de debate e charla compartida, que souberon a pouco.

A mellor forma de estrear o novo espazo da biblioteca: mesa chea de libros e arredor persoas comprometidas en reflexionar, ler e compartir.


18 de xaneiro de 2023

Mudámonos! Visita o novo espazo

 


Como sabedes por mor das obras no centro tivemos que trasladar a biblioteca a un novo espazo. Estamos preparando todo para que podamos atopar un lugar de encontro agradable e práctico para toda a comunidade educativa.