Queremos que a nosa comunidade educativa participe na campaña das Bibliotecas Municipais de A Coruña #DesconfinarALingua. Compartimos íntegramente a súa xustificación e reproducimos o texto da presentación da mesma.
"Nesta nova normalidade hai unha ferramenta humilde e simple que nos acompaña: as máscaras. Que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, a palabra oral e escrita, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias vidas.
Este 17 de maio, Día das Letras Galegas tapamos a boca coas máscaras diversas da creación en galego xustamente para desconfinar a lingua, para abrir, cara nós e cara as demais, a xanela grande de todo o que ofrece o idioma.
- Desconfinar a lingua é descubrir toda a creación que se pode desfrutar en galego.
- Desconfinar a lingua é, con Carvalho Calero, aproveitarmos o vínculo directo de galego e portugués para sentir un mundo de contidos e posibilidades.
- Desconfinar a lingua é ir máis alá do coñecido e poñer o foco na creación máis viva e contemporánea.
- Desconfinar a lingua é coñecela, poder usala, vivila con normalidade e sen filtros, en todos os ámbitos e situacións.
- Desconfinar a lingua é mostrar a nosa cara este 17 de maio nas redes, con libros, discos, publicacións, filmes... na nosa lingua, como xeito de os mostrar, recomendar e dar a coñecer.
Unha ocasión para coñecer, usar e vivir a lingua con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións."
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Graciñas por participar en biblioviva