29 de febreiro de 2024

Novidades e recomendacións

 Chegaron novos fondos á biblioteca. Temos un pouco de todo e para todos os gustos, desde novelas de misterio, banda deseñada e novos Manga, humor, crítica social, feminismo e igualdade...

Para ler sen pausa,

Para ler en galego,


Para renovar os nosos andeis de igualdade e LGTB+,

A nosa selección,

 

Podes consultar o noso blog, Lecturas na laboral, para ler unha breve recensión de cada obra.

Esperámosvos na Biblioteca.



25 de febreiro de 2024

O novo Espazo Maker en Talentos Inclusivos

 Non poidemos inaugurar de mellor xeito o noso novo Espazo Maker que acollendo aos usuarios de Aspace, destinatarios do traballo que se está desenvolvendo dentro do programa Talentos Inclusivos.

 O reto consiste en deseñar uns pulsadores que poidan ser útiles no día a día de persoas con parálise cerebral. O alumnado de FPBásica de Electricidade e Electrónica son os encargados de realizar a tarefa.

O mellor xeito de coñecer as necesidades dos usuarios é escoitar de primeira man as súas dificultades. 

Primeiro os participantes na actividade compartiron experiencias no espazo Maker.

 






A continuación pasamos a escoitar algúns dos retos diarios aos que se teñen que enfrentar as persoas con esta secuela cerebral. Entre o auditorio estaban tamén os alumnos e alumnas do Ciclo de Ensinanza e Animación Socio-Deportivas que teñen un módulo de Actividades Fisiodeportivas para a Inclusión Social, que xa traballan semanalmente con outros usuarios con discapacidade, da entidade Aspadisol.






 Grazas pola visita. Aprendemos moitas cousas de valor!







19 de febreiro de 2024

Mesturamos teatro, arte e amizade

 No Diccionario da Real Academia Galega atopamos esta definición para o termo "Amizade":

substantivo feminino 

1. Sentimento de afecto e confianza entre amigos.

Se un Club de Lectura pode ser lugar de encontro e confianza, resulta o sitio idóneo para falar dos fíos que nos ligan aos nosos amigos, dos roles que adoptamos segundo os grupos, de se o vínculo que nos une aos que chamamos amigos é a sinceridade, a honestidade ou, pola contra, a ligazón ven de gardar as formas, das mentiras sociais e piadosas. Non chegamos a ningunha conclusión definitiva, pero si acordamos que a aceptación das diferencias, a  non imposición do noso criterio como único e verdadeiro facilita moito as cousas.



Non hai maior exercicio de escoita e de compartir opinións que as sesións do Club de Lectura. Hoxe a lectura a comentar foi a obra teatral Arte, de Yasmina Reza. 

 



Os tres protagonistas da obra teñen diferentes puntos de vista respecto ao significado do arte, visións que, en definitiva, tamén afectan a como interpretan as súas relacións persoais. Un cadro blanco, cunhas finas liñas brancas, serve de leitmotiv para falar de qué é o arte, das razóns para que unha obra teña valor, e como en ocasións unha obra figurativa moi detallada non aporta ningunha emoción e como un simple trazo pode ten unha fonda significación.

Algunhas das obras comentadas:


Como sempre, a mesa chea de propostas lectoras relacionadas coa temática da arte e da súa controversia.

Parte importante tamén a receita das rosquillas que acompañaron o café e a charla e a nova proposta lectora, todo unha osadía propoñer unha lectura Manga nun Club tan acomodado e clásico. Pero xa sabemos que a arte debe ser provocadora...e inspiradora.

Barrio lejano de  Jiro Taniguchi acompañaranos na seguinte sesión. Un novo reto lector!


 

5 de febreiro de 2024

Sesión de Tea Rooms no Club de Lectura

 

Nesta ocasión tocou falar de Tea Rooms e das escritoras da xeración do 27, "As sen sombreiro". Este grupo de escritoras foi silenciado e segue a ser descoñecido para o gran público. Estupenda ocasión para que o noso Club dedique a Luisa Carnés e a súa obra unha sesión.












A obra lida dou pé para falar das condicións de vida e traballo da época, a situación da muller e as diferencias sociais antes e agora.

30 de xaneiro de 2024

Libros sen volta: novo expurgo

 Coa nova remodelación da biblioteca descartamos moitas das enciclopedias e outras obras que estaban no antigo almacén. Son exemplares que non teñen sentido xa na nosa biblioteca, e con certa pena hai que recoñecer que case en ningunha. 

Por  iso decidimos darlles unha derradeira oportunidade e ofrecer estes exemplares a comunidade educativa, para levar sen volta.






18 de xaneiro de 2024

Novo cambio de andeis na biblioteca...e van...

 Outra vez toca mudar os andeis da biblioteca, coa esperanza de que sexa a definitiva. Seguimos en situación provisional, tratando de acomodarnos ao novo espazo asignado. Desta volta, ampliamos moitos metros, que queremos encher de actividades e recursos.






Moito traballo que esperamos logre que a comunidade educativa teña novos recursos ao seu alcance. Na nosa mente temos ideado un espazo de radio, un espazo maker, un espazo de traballo colaborativo... Esperemos que sexan pronto unha realidade.

19 de decembro de 2023

Miguelanxo Prado comparte con nós a súa obra Ardalén

 


 Día de festa no Club de Lectura con convidado de luxo. 

O mellor agasallo de Nadal para os membros do Club de Lectura foi compartir con Miguelanxo Prado máis de tres horas de charla, o que nos brindou a oportunidade de coñecer o seu proceso creativo.



 

A tarde estivo protagonizada por Ardalén, unha verdadeira xoia, cunhas ilustracións marabillosas e unha estructura literaria onde se vai dosificando a información para que descubramos os laberintos da memoria de Fidel e a súa vida real e a imaxinaria. O realismo máxico invade a obra e ao final sempre nos quedará a dúbida de se realmente somos o que soñamos.

Miguelanxo falounos das súas lecturas, das laboriosas horas de creación no seu estudo e recomendounos obras imprescindibles de banda deseñada, moitos das cales xa están nos nosos andeis.




Agradecidas pola súa xenerosidade e deseando que volte outra tarde para falarnos do seu novo proxecto. 

A última sesión do ano quedará para sempre na memoria do Club, para construir o nosa traxectoria soñada.